O disco da semana: Wolf’s Law, de The Joy Formidable

20130122_the_joy_formidable_wolfs_law_91 The Joy Formidable son un trío asentado en Londres que se meteron na vida do que aquí asina hai xa un ano e medio, cando no verán do 2011 me dispoñía a facer os deberes repasando as discografías das bandas que me supuñan unha incógnita dentro das que aquel ano conformaban o cartel do Festival de Paredes de Coura. Cando chegou a vez de escoitar no portátil ‘The Big Roar’ o disco que por entón presentaba a banda, souben que neles había algo especial. Non direi que máxico, porque tampouco podo xogar a que todas as semanas aparecen uns novos Arcade Fire na escena alternativa, pero si desas bandas das que te namoras momentáneamente, e das que prometes manter a pista. Escoitar o vindeiro disco, e tentar velos en directo.

Ese vindeiro disco chegou a semana pasada. ‘Wolf`s Law’ (Atlantic Records, 2013) obrigoume a non faltar ás miñas promesas, e a ver se aquel amor momentáneo polo grupo liderado por Ritzy Bryan e Rhydian Dafydd era tan só un foder dunha noite, ou se nos intercambiaríamos os teléfonos para compartir café e charla. Pois ben, aquí tedes o meu número. ‘Wolf’s Law’ é o terceiro disco da banda, e trátase dun traballo que engana xogando a un pop que non é, para dar paso ben cedo a unhas guitarras moito máis pesadas e pasadas (de decibelios), que son máis marca da casa. Porén, un, que en The Joy Formidable busca ese nervio e escuridade que definía aquel disco do verán no que Pulp se apropiou de Paredes de Coura, agradece tamén temas pop tan perfectamente redondos como This Ladder is Ours, primeiro tema do disco, fantástico, ou cancións tan suaves que semellan dar camiño ao berce, preciosa Silent Treatment.

Sobre a cara menos doce de The Joy Formidable, a que ensina os dentes e amosa ese lobo da portada do disco, con menos flores e máis vísceras, a impulsiva Tendons vai dando algunha pista, aínda que a súa presenza só impacte no potente retrouso, acabando cunha cadencia irrefreable, enérxica e vibrante. Máis preto dunha versión achegada ao rock clásico de hai catro décadas está Maw Maw Song. Un tema con ese inicio de aroma antigo, pero que de seguido toma as rendas da actualidade, e que serve para que o batería Justin Stahley dea unha auténtica mostra de rexistros coas baquetas. Unha peza fantástica, contaxiosa e frenética. Como dándolle mágoa abandoar esa esencia de anos pasados, Ritzy disfrázase de Tracy Tracy en Forest Serenade. Tema algo menos orixinal pero moi desfrutable se non xogamos a ser excesivamente esixentes.

The Leopard and the Lung, do mesmo xeito que The Hurdle conseguen non desmerecer. Ocupan ese oco de canción que traballa con sobrada eficiencia, mesmo sen brillar por descubrirnos nada novo, e xogando co límite do previsible. Son, porén, dous temas dos que gusta escoitar sempre. Ao igual que a The Turnaround, que por pechar tanto ‘Wolf’s Law’ como as reminiscencias a décadas pasadas, lembra a Catatonia, e a outros grupos estilisticamente similares, antes de tomarse un descanso e atacar a golpe de piano e épica o final dun disco preciso e fermoso. Recomendable sen dúbida.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *