O disco da semana: {Awayland}, de Villagers

villagers_awayland_coverVillagers. Villagers é unha desas bandas nas que, en realidade, o líder é case a banda enteira. A Conor O’Brien, fundador e case acaparador de Villagers, o seu disco de debut ‘Becoming a Jackal’, que conta xa con case tres anos de vida, serviulle para coleccionar críticas positivas. Mesmo chegou a ser finalista do Mercury Prize, probablemente o meirande premio da industria musical, nun ano no que os tamén debutantes The XX se levarían a gloria do vencedor. Comparacións cos seus contemporáneos Wild Beasts ou con xente algo máis veterana como Bright Eyes (Conor Oberst, homónomo, víase vir unha comparación non demasiado afortunada estilísticamente) e os fantásticos I Am Kloot, aos que acompañaron de xira.

Para non seguir tirándonos o rolo da incógnita, desvelemos xa que ‘{Awayland}’ (Domino Records, 2013) non está á altura do seu predecesor. Pero que iso non signifique decepción (en fin, si, pero só unha pouca). O traballo contén un bo puño de cancións inspiradas e diversidade estilística, onde destaca a intensidade de Nothing Arrived como mellor tema do disco, e un contido en bases electrónicas máis intenso que no primeiro álbum. Porén, ao falarmos de ‘{Awayland}’ cómpre lamentar que por momentos lle falte o impacto de ‘Becoming a Jackal’, cando o feito de perder frescura nun segundo disco nos meta un pouco de medo do que poida pasar nun futuro.

Non dá para moitas labazadas máis, e a dicir verdade, pode ser que o único que ocorra é que este segundo disco pague, sinxelamente, o bo que era o primeiro. Sendo completamente xustos, My Lighthouse despértanos da rutina de xeito embriagador e agarimoso, e Earthly Pleasure amósanos esa rama máis puramente pop, a que os achega por momentos a Fanfarlo, ou a uns austeros Arcade Fire. E na variedade estilística da que falabamos, así como na electrónica de ‘{Awayland}’ aparecen os ritmos tropicais de The Waves, que racha cos soños de praias caribeñas para amosarnos que Villagers tamén saben pórse contundentes coas guitarras.

Mesmo dende ese Caribe pasamos á Francia de Dominique A en The Bell, unha absoluta preciosidade. A cadencia cúrtase coa canción que dá nome ao traballo, unha peza instrumental que ben valía para pechar o disco, volvendo a pechar o círculo que abrira My Lighthouse, pero que só dá paso a divertimentos algo menores ao resto do disco, e que poden deixar ese regusto agridoce que comentabamos ao comezo. Passing a Message non dá a talla, e menos se temos en conta que foi a escollida como single, e Rythm Composer, ao Jamie Cullum, que pecha o disco de xeito que podería ser mellorable. Curtan a beleza de Grateful Song e unha In a Newfound Land You Are Free, que encanta polo título. Un disco que, mesmo con algún altibaixo, se pode considerar notable, e que pode gustar tanto como gustou na disquerredacción.

Shares