Segunda semana de xaneiro, en canto a lanzamentos discográficos se refire. E así, sen tempo para asentarnos, comezan a chegar as batallas para facerse cun oco no mercado. Xa tan cedo coinciden con novos traballos dúas vacas sagradas do pop. Unhas ben veteranas, desas típicas apostas seguras que, con maior ou menor acerto, sempre nos agasallan discos preciosos. Outra, comeza unha nova aventura en solitario, caso de Christopher Owens, o ex-lider (ex?) de Girls, que lanza ‘Lysandre’, un traballo ben bonito, pero que, en primeiras escoitas, fai temer por unha deriva bastante máis vulgar que aquel extraordinario “Father, Son and Holy Ghost” da súa vella banda.
Así que ficamos cos vellos, coa aposta segura. Con Yo La Tengo, que dá luz a ‘Fade’ (Matador Records, 2013), o seu decimo terceiro disco de estudo, que supera o anterior ‘Popular Songs’ algo fallido. Os de Hoboken viven unha segunda mocidade (se é que damos a primeira por vencida), e traballan arreo para namorarnos de novo. Como se non pasara o tempo e nos convidaran a volver aos dezaoito anos, e o pop circular e fantasioso fose o único camiño para saír dunha postadolescencia marcada polo vulgar e o aburrido. Así, se poñedes Ohm e vos deixades levar polo título da canción, mesmo sen necesidade de cruzar as pernas adoptando posición ioga base, xa só queredes deixarvos abandonar por acordes tan delicados e suaves como os de Is That Enough, como se estes trece últimos anos nunca tiveran pasado.
E outro síntoma de que ‘Fade’ podería ter sido publicado nos tempos nos que Yo La Tengo se pasaban a vida conquistando auditorios como naquela xa mítica actuación do primeiro Santirock é a enerxía desprendida por Paddle Fordward, auténtica esencia da banda. O puro son Yo La Tengo, se me permitides a etiqueta. Ou as liñas de baixo enérxicas de Cornelia and Jane, que nos conducen con delicadeza ao aroma country sempre presente nas bases filosóficas do trío. E a voz de Georgia Hubley, de especial encanto, mesmo chegando a cortar a respiración se un se centra moito nela. A constatación de que a idade non é inimigo necesario do estado de forma.
A ‘Fade’ hai que achacarlle que lle falta, por momentos, algo de ruído. Porque mentres un se sigue deixando abrazar polas ondas agradábeis de The Point of It bota en falla que a sangue suba uns graos de temperatura, e entón chega Before We Run, posiblemente o mellor tema de ‘Fade’, e, sen ser un corte electrizante, si consigue paliar con eficacia esa sensación de frío, case só cos golpes de percusión e corda, pedindo vida entre os mundos de Morfeo. Pedindo erguerse. Como falabamos, Yo La Tengo case non falla nunca, non agardabamos que o fixera agora. Pero as dúbidas erguidas por ‘Popular Songs’ (sen esaxerar, que se trata dun traballo notable), e a sensación de que este tipo de grupos, algún día terán que comezar a perder camba, fixéronnos temer pola saúde de ‘Fade’. Vale. Xa imos nós sós ao recuncho, a mirar contra a parede.