O disco da semana: Bloom, de Beach House

Beach House - BloomTralo bombazo mundial de ‘Teen Dream’, terceiro disco do dúo formado por Victoria Legrand e Alex Scally, poderiamos comparar ‘Bloom’ (Sub Pop, 2012) con eses segundos discos de bandas prometedoras. Aínda que xa deran certos sinais de credibilidade e interese, Beach House enfrontábanse á vertixe de confirmarse ou morrer. De aturar o empurre, de cargar coa presión e ver se avanzas ou te cagas. Cumpría non arriscar excesivamente. O camiño trazado era o axeitado, e non estaba aínda demasiado masificado. Para iso, repetir con Chris Coady, o produtor que vai camiño de converterse en lenda, semellaba a primeira das decisións correctas.

E falo en plural porque, que quede claro dende xa, ‘Bloom’, como mínimo, aguanta o nivel do seu predecesor. ‘Bloom’ pode coa presión nas costas. ‘Bloom’ non arrisca gran cousa, pero non se caga en absoluto. Beach House van camiño de facerse donos absolutos da escena do dream pop, na que camiñan da man de Grizzly Bear e un par de escollidos máis. Se entras en ‘Bloom’ durante cincuenta minutos non poderás saír, e iso sempre e cando Myth, Troublemaker ou Wishes non te atrapen nunha espiral moito máis ardua, da que será máis difícil saír sen sentirse conmocionado.

O traballo vese envolvido dunha atmosfera máis cargada de sons agudos que en ocasións previas, e mesmo de secuencias máis próximas ao pop máis puro, como sería o exemplo que nos daría a solvencia de Wild, ou a electrónica de xoguete, artificiosa, saída dos primeiros momentos dos oitenta de Lazuli, que torna ao mundo habitual do dúo de Baltimore, dese mundo ao que todos aspiran, o propio, o recoñecible dende calquera parte do planeta do son. Aínda que é contra a adorable decadencia de Other People onde ‘Bloom’ acada o seu momento máis inspirado e inspirador.

Como sempre nestes casos, hai que pór as cousas no seu lugar, e darlle algunha labazada. A cousa funciona, está ben. É efectiva, vai gañando o partido con solvencia, e o equipo que gaña non se troca… ata que un comeza a saber por onde atacarlle, porque sabe de onde vén e cara onde vai, e pode que nalgún momento algo máis descarado como New Year sirva como revulsivo, pero caer na autosatisfacción sería o peor que lle podería ocorrer. Nada de relax, máis risco. Esa será a única materia que deixaremos pendente para o vindeiro traballo de Beach House, pero non esquezamos nunca outra cousa. Antes, toca gozar deste, e hai demasiado contido gozable como para pensar no que virá. Está, agora, aquí.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *