Xuño é un deses meses que aprendemos a amar desde pequenos. Xuño significa días eternos, bo tempo (polo menos en teoría) e dicir adeus ao cole ata uns meses máis tarde. Xuño é a promesa á nin tan sequera os amantes do inverno se poden resistir. Despois chega a vida adulta e os veráns xa non son o que eran, pero seguimos crendo en xuño. Por iso en xuño é tan sinxelo ir a festivais e ser feliz. Aquí vai a nosa proposta.
– En Galicia. Pulpo&Pop. O Barco de Valdeorras (Ourense), 15 e 16 de xuño. Posiblemente teñas visto a todos os grupos do cartel xa en máis dunha ocasión, pero que importa cando podes dicir que estás a practicar o “gastropop” e encherte de polbo. E o do cartel non deixa darlle a todo un toque familiar que fará que te sintas como en casa: Triángulo de Amor Bizarro, Igloo, Tony Lomba y Elio Dos Santos, Iván Ferreiro, The Blows, Colectivo Oruga… Todo por 10 euros, con zona de acampada.
– En España. Faraday. Vilanova i la Geltrú (Barcelona), 28 de xuño – 1 de xullo. A primeira vez que unín as palabras festival e paraíso nunha mesma frase foi hai uns cinco anos, neste pequeno e marabilloso festival. Nunha casona na praia, cun aforo limitado a 1.500 persoas, o do Faraday é algo que hai que facer polo menos unha vez na vida. O cartel, ademais, axuda sempre a que o pracer estético aumente ata niveis insospeitados. Este ano temos a Herman Düne, Frida Hyvönen, Josh Rouse & The Long Vacations, The Montgolfier Brothers, os Bowerbirds, La Casa Azul, Ainara Legardon… 55 euriños os tres días.
– No estranxeiro. Body & Soul. Ballinlough Castle, Clonmellon (Irlanda), 22-24 de xuño. Un festival que se celebra nos xardíns dun castelo en Irlanda. Un festival pequeno que esgota entradas ano tras ano (aínda teñen tickets, se queres ir, cómpraos xa!). Os organizadores din que lles gustan esas cousas que fan que un festival sexa fantástico: bailar baixo as estrelas, sesións acústicas, nubes nunha fogueira, disfraces, festas impromptu no bosque, almorzos… E o cartel? O cartel deste ano ten a Villagers (aproveito para recomendalos moito!), Spiritualized, St. Vincent, M83… Todo a 99 euros.
Foto | Body & Soul