Cool Packaging: Feiraco

mupi_entroido_feiraco_enteraQuen consuma leite Feiraco terá botado incontables minutos analizando palmo por palmo o seu envase cada mañá, estudando a anatomía desa vaca tan simpática que se desprega polas caras do tetra brick (Os almorzos, xa sabedes, invitan á contemplación). Agora tedes un divertimento engadido para os vosos despertares, porque este leite, como bo galego, disfrázase para celebrar o Entroido.

“Neste Entroido todas as vacas queren ser Feiraco” é o lema escollido pola cooperativa galega para esta campaña. O packaging está realizado por Rei Zentolo, utilizando como referencia as máscaras máis representativas destas festas en Galicia. Segundo explican os deseñadores na súa web, aplicouse “unha gama cromática baseada no código de cor utilizado por Feiraco para identificar os diferentes tipos de leite, engadindo cores vibrantes ao conxunto para que aportaran vistosidade e colorido ao envase e á campaña de promoción”.

Desde este luns o enteiro, o semidesnatado e o desnatado locen os seus traxes de ‘choqueiros’. Ademais, xunto cos cartóns de leite repártense unhas máscaras dispoñibles en tres modelos. Paralelamente levaranse a cabo varias accións exteriores de promoción, como repartir caretas o día do desfile nos principais núcleos urbanos de Galicia, ou a colocación de ‘mupis’ coas imaxes da campaña en distintas cidades.

“O que xamais se nos pasou pola cachola foi atoparnos no prado ás vacas disfrazadas de Feiraco, así que decidimos firmar un contrato de exclusividade coa rubia galega para promocionar o mellor leito galego”, aseguran desde o Rei Zentolo, ao tempo que garanten que “mentres durou a campaña ningún animal sufriu dano algún, agás os deseñadores, que recibiron algunha que outra cornada por pasaren demasiado tempo fóra da casa”.

produto_feiraco_web

bricks_feiraco entroido

Fotos | Rei Zentolo

* Esta información forma parte do especial Cool Packaging, unha selección das embalaxes que máis nos gustan. Podes ver máis aquí.

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *