“Encántame pensar e facer o que fago, encántame vivir”

MEAT AND DREAM  MEAT&DREAM GONZALO VAZQUEZ GVOSCAR CORRAL10/11/11Ao subir as escaleiras que conducen ao atelier de Gonzalo Vázquez espero atopar o refuxio creativo dun deseñador de moda. Todo parece indicar que así o é. Fíos, máquinas de coser, teas, unha chea de botóns vermellos e as prendas da súa primeira colección. Xa acomodada nunha butaca, nunha segunda ollada, máis serena, os meus ollos detéñense nos libros que se acumulan por toda a sala: novelas, ensaios e poesía que se esparexen polas mesas e procuran repouso nos concorridos andeis. Gonzalo, o neno barroco, vestido de negro, é unha persoa apaixonada pola vida e as artes. Case se podería dicir que o medio lle é indiferente, a cuestión é expresar o que leva dentro, as reflexións que o acompañan incluso conducindo. Este deseñador é sobre todo un filósofo.

De entre todas as formas de expresión, a literatura e a costura son os seus dous grandes amores, despois chegarían “os múltiples amantes”, como adoita afirmar. Licenciado en Filoloxía Galega (Universidade de Vigo), ten un máster en Literatura Comparada (USC) e un posgrao en Literatura, performance e artes visuais na Accademia Albertina delle Belle Arti de Turín. Comezou a coser aos 17 anos, ao mesmo tempo que estudaba filoloxía, dúas paixóns que simultaneou. “Eu creo que son todo caras da mesma moeda, máis ben do mesmo poliedro”, explica, para segundos despois arroxar unha nova metáfora: “cada un ten a súa forma de expresión, pero toda esa auga vén da mesma fonte”.

Comezou facendo vestiario para artes escénicas, traballando para artistas como Ugia Pedreira, Nordestinas, Guadi Galego ou Uxía Senlle. En marzo deste ano abriu o seu atelier en Santiago, que estableceu como o seu “centro de gravidade”, o lugar arredor do que xira “toda a miña vida creativa”, aínda que, engade, “o meu lugar está en moitos lugares á vez”. “Fíxeno porque realmente creo que me sentía suficientemente maduro para facelo, era algo que me apetecía desde hai moito tempo, e creo que era o momento e o lugar”. O seguinte paso para GV, a persoa e a marca, foi a creación da súa primeira colección Prêt-à-porter, que vén de presentar, e a recente posta en marcha dunha tenda online.

GV GONZALO VAZQUEZ en una sesión de fotos con el fotógrafo Oscar Corral en el estudio Simboloxico Vol.2

P.- Acabas de presentar dous importantes proxectos, continuarás coas túas facetas anteriores?

R.- Imos seguir co deseño exclusivo para as persoas e co deseño para artes escénicas, e agora complementámolo co prêt-à-porter e coa tenda online, pero seguindo coa filosofía de marca, que é a da exclusividade. De cada modelo haberá catro, cinco ou dez pezas, polo que ti compras coa seguridade de que non vas atopar máis de ese número de persoas cun pantalón ou abrigo igual ao teu.

P.- Unha exclusividade accesible para todos os petos?

R.- Eu creo que o custe das prendas é moi razoable, tendo en conta que en GV valoramos moitísimo a calidade dos materiais, os acabados e a presentación.

P.- É moi distinto crear moda para os escenarios e moda para a rúa?

R.- Si, é moi diferente, pero non negativa nin positivamente. Son de natureza diferente, cando en realidade é case igual, porque é case o disfrace. Por exemplo, se eu vou vestido así é porque realmente me quero disfrazar así. É algo do que non acostumo falar aínda que teoricamente si o asumo, porque o tema do disfrace está connotado pexorativamente.

P.- Todos queremos expresar algo cando nos vestimos, en certo modo…

R.- É certo, queremos expresar o que de nós queremos que se vexa. A min é algo que me fascina tanto socioloxicamente como semioticamente, o significado que pode alcanzar un vestido nunha persoa e nun contexto. Iso está funcionando, a cuestión é asumilo e darte conta de que sucede. Un creador de moda teno moi asumido, por iso ás veces non chega a callar a súa proposta.

P.- Que cres que diferencia as túas creacións doutras?

R.- (Silencio, reflexión, e resposta) Apostamos pola exclusividade como un valor. Eu estou posicionándome, afastándome de algo que non me interesa e que nos rodea constantemente, en calquera cidade do mundo. O que busco é facer prendas boas, de calidade, tanto no deseño como nos materiais. Outra das características importantes de GV é a precisión na patronaxe, é algo no que temos moito coidado.

P.- Recentemente presentaches a túa primeira colección prêt-à-porter, ‘Meat&Dream’. Se a moda é tamén expresión artística e comunicación, que cres que nos conta esta colección?

R.- Comezando polo nome, ‘Meat&Dream’ ten que ver co alimento, tanto a carne como o soño, creo que realmente é a descrición do que é humano, é dicir, entre o pensado e o vivido. Foi unha colección onde o poeta Paul Celan tivo unha decisión importantísima. Despois, é unha colección que se define sobre todo pola sobriedade e pola depuración das liñas, das cores… e iso se ve tamén nos tecidos. De feito moitos din, “onde está o neno barroco?” Creo que si te fixas hai algúns retallos, de feito séguenmo chamando aínda que esta colección sexa máis minimal e máis sobria. Creo que ten que ver cun momento persoal onde todo está sendo moi depurado, moi pensado, e onde a sobriedade é o centro, unha época de afastar o que sobra, de buscar o esencial.

GV GONZALO VAZQUEZ en una sesión de fotos con el fotógrafo Oscar Corral en el estudio Simboloxico Vol.2

Gonzalo co fotógrafo Oscar Corral durante a sesión de fotos para a súa colección Meat&Dream

P.- E en canto a materiais, uso de cores e tipos de prendas?

R.- Esta foi unha colección baseada sobre todo en las, cachemires e algo de punto. Sobre todo hai cores lisas, case non hai ningún estampado. Esta colección foi ademais un exercicio de cor, pasei da miña eterna etapa de branco e negro e vermello, pero volverei.

Na colección hai abrigos oversized, camisas, pantalóns… hai de todo, é unha colección moi plural, sendo moi coherente.

P.- Hai algunha prenda á que lle teñas máis cariño, ou son coma os fillos, que non podes escoller un?

R.- Si, teño preferida, pero non cho vou dicir.

P.- Inspirácheste no universo cinematográfico de David Lynch e na poesía de Paul Celan. De que forma o podemos percibir na colección?

R.- A inspiración nunca, ou non sempre, é mimética. É como cando escribes un texto contento ou un texto triste, a túa forma de estar percíbese na forma de escribir, por facer algunha analoxía. Isto é o mesmo, un momento persoal, e o que bebas durante todo ese momento persoal… acábase traducindo.

P.- É algo que non buscas pero que esta aí…

R.-  Si, e descobres que está aí dándoche toques, está aí constantemente. E logo, non teño ningún reparo en dicir que si estivo aí.

P.- Cales son os teus referentes no mundo da moda?

R.- Agora estou así como un pouco orfo, desde a morte de Alexander McQueen, eu digo isto que nunca tiven ídolos, nin en sentido pleno nin en sentido relativo. Era unha persoa que seguía, pero non querendo imitalo. Realmente se notaba que sentía o que facía.

P.- Estás traballando no vestiario da primeira película porno en lingua galega, ‘O divino ferrete’, e eu pregúntome se hai moita roupa nunha película porno.

R.- Pois si, hai roupa. En todas as pelis porno hai roupa.

P.- … que se quita…

R.- Claro. Cando se ten consciencia do corpo realmente ten moito sentido a roupa. Agora tamén, porque non sexa normal facer cousas de calidade para ambientar películas porno, non ten porque selo sempre. Despois é un proxecto no que creo, co seu carácter normalizador, por amor á lingua.

P.- Xa estás pensando en novos proxectos?

R.- Agora estamos embarcados na tenda online e na presentación da colección. Tivo moi boa acollida, con éxito de público e de crítica, e con moi boa acollida na compra tamén. Estou moi satisfeito, e agora xa pensando noutra. Tamén me apetece facer unha de alta costura, ese será o meu…

GV GONZALO VAZQUEZ en una sesión de fotos con el fotógrafo Oscar Corral en el estudio Simboloxico Vol.2

P.- É o teu próximo obxectivo?

R.- Non é obxectivo por agora, pero creo que realmente é onde me sentirei super cómodo. (E con esta frase a Gonzalo se lle ilumina a cara)

P.- Sénteste máis cómodo na alta costura? Por que?

R.- Si, porque quizais teño máis vocación cara ese lado, síntome cómodo traballando nesa parte. En certa maneira, con deseños exclusivos, é o que fixen durante toda a miña vida, pero como colección, algo con coherencia dun mínimo por exemplo de 45 looks, iso ten que ser unha gozada. A min é que me fascinaría. Por que empecei entón por prêt-à-porter? Porque había esa necesidade dos clientes, de chegar aquí e poder mercar unha peza feita, e despois de poder facer as cousas máis asequibles.

P.-  Literatura, arte, moda, filosofía. De onde sacas tempo para tantas cousas?

R.- Realmente teño tempo como ten todo o mundo, pero encántame pensar e facer o que fago, realmente encántame vivir, e ser consciente de que vivo. Teño moitísimo medo á inercia, persoal e mental. Deixarse levar inconscientemente paréceme perigoso.

Fóra está chovendo, así que mellor seguir filosofando. Sobre as máscaras, sobre a poesía e as dobres personalidades artísticas. “Nunca se sabe onde vai acabar un. Non me inquieta ter esas facetas interiores, porque ao fin e ao cabo son caras creativas dun mesmo sentir, son como extensións”.

Fotos |  Oscar Corral  Andrés Fraga

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *