Mica: A periferia tamén é moi chic

É preciso irse a unha das cidades galegas para facerse cun fondo de armario distinto? Están as marcas chic ligadas ás poboacións de máis de 50.000 habitantes? A resposta é non. E a solución a esta incógnita non está no comercio electrónico.

A periferia (e moitas poboacións pequenas que non están na periferia das cidades, prometemos mapa algún día) tamén é estilosa: Bertamiráns, unha das ‘cidades dormitorio’ de Santiago, conta xa con varias tendas con propostas de marcas moi interesantes. Unha delas é Mica, na Avenida da Maia, unha pequena boutique que mestura roupa, complementos, agasallos riquiños e algún que outro zapato (como estas mercediñas de Pepita Pérez que xa teñen admiradoras na redacción).

A súa propietaria explica que Santiago era unha opción pero que, sendo de Bertamiráns, a capital do val da Maia converteuse nunha localización tamén co seu gancho. E foi a que gañou: a tenda leva no lugar uns seis anos, período no que se foron sumando máis establecementos chic á oferta da zona. Se es de Santiago e asumes con gran dor do teu corazón que Bertamiráns só ten para ofrecer o mercadillo dos sábados , equivócaste de medio a medio.

Mica é, nesta aposta chic da periferia, un caixón de xastre de varios prezos, varios estilos (aínda que prima o girly-riquiño e os toques vintage) e marcas de fama diversa. Como nos explica Mónica, a súa propietaria, Mica mestura marcas moi coñecidas, como Dolores Promesas ou Custo Barcelona (os hits que atraen a compradores de Santiago e ata Negreira), con artesáns novos e emerxentes descubertos a golpe de feira e pola paixón pola materia da súa fundadora. Así pode ofrecer “cousas únicas e con personalidade”.  Chica de Canela ou Laga son algunhas destas marcas menos coñecidas para o profano que ten á venda.

Mónica trae tamén cousas bonitas de Londres, que lle dan un toque internacional á tenda, aínda que Gran Bretaña non é a orixe máis exótica dos seus produtos. Na súa procura por atopar cousas distintas, Mónica trouxo ata pendentes e outros abalorios dende Israel. Non son os máis baratos dos accesorios que vende, pero resultan bastante sedutores e teñen, confesa, o seu éxito.

Fotos | Mica (destacado) | Disquecool

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará