Se aínda alguén non ten un motivo para indignarse ou cre que non hai razón para facelo, sempre pode ler a Stéphane Hessel e o seu ‘Indignádevos!’. O manifesto, que seguramente desencadenou máis dun movemento na rúa e remordemento na cabeza e que en España (incluídas en catalán e en galego) xa vendeu preto do medio millón de copias, axudarache a atopar un motivo para indignarte ou, polo menos, a decidir se o tes ou non.
A min non mo produxeron tanto as verbas de Hessel como si o fixo o colofón biográfico que, como indica, pecha as suficientes 47 páxinas da edición galega. Suficientes, aclaro, para atopar un motivo de indignación.
A verdade é que eu atopei nas liñas de Hessel, prologadas na versión en galego por Manuel Rivas (e en castelán por José Luis Sampedro) non só a mensaxe de Mandela e Martin Luther King, as cales propón o autor “para superar os conflitos mediante unha comprensión mutua e unha paciencia vixilante” (sic), senón o valor cristián (para crentes e descreídos) da ‘outra meixela’.
Ninguén dixo que fose fácil, tras recibir unha labazada, poñer a outra parte da faciana para dispoñerse (máis que probablemente) a cargar con outra. Pero Hessel di que si a unha “insurrección pacífica”, é dicir, a loitar contra o que non está ben dende o pacifismo e o respeto aos dereitos dos demais.
A diferencia fundamental entre simplemente poñer a outra meixela e a proposta do autor é que o xermano-francés da Resistencia e da Francia Libre invita a non calar. Calar fainos mudos ante o que está mal e ante o que está ben. Porque tan difícil é facer ver o que non convén (se a maioría pensa o contrario), como arengar a unha mudanza cara o ben (se a maioría permanece silenciada).
Xa que logo, Hessel invita a buscar motivos, porque está certo de que facelo, implica atopar.
Outros libros relacionados co movemento son ‘Reacciona’, editado por Aguilar, no que participan os propios José Luis Sampredro e Hessel; ‘Después de la crisis. Por un futuro sin marginación’, do sociólogo francés Alain Touraine; e ‘La vía. Para el futuro de la humanidad’, do filósofo e sociólogo Edgar Morin. As dúas últimas obras serán publicadas en castelán próximamente.
*Indignádevos! está editado en galego por Factoria K de Libros, de Kalandraka
*Foto Wikimedia Commons
A ver se a xente de Kalandraka non tarda moito en sacar o novo, ‘Impegnatevi’ (Comprometédevos, en italiano) :)