* Estreamos colaboración especial de Ifrit
Mentres en DC organizan un reinicio integral da maioría dos seus personaxes (52 títulos serán reescritos), en Marvel Emma Ríos (Vilagarcía de Arousa, 1976) non deixa de traballar e de colaborar en series novas e tomos especiais.
Dende que en 2008 fixera o seu espectacular debut no mercado estadounidense debuxando ‘Hexed”, unha historia curta sobre unha rapaza que leva unha dobre vida na que loita contra demos guionizada por Michael Alan Nelson para a editorial independente BOOM! Studios, a pluma desta debuxante non deixou de voar, encargándose cada vez de títulos máis importantes e interesantes.
O seu primeiro achegamento a unha das personaxes máis célebres da “Casa das ideas” foi a mini-serie ‘Strange. The Doctor Is Out’, da man do guionista Mark Waid. Marvel recuperaba desta forma, inda que fora só para un pequeno tomo, ó Doutor Estraño, o poderoso mago da banda deseñada e un dos máis queridos polos afeccionados, e que Ríos soubo retratar á perfección co seu estilo xuvenil, desenfadado e de formas fluídas, a medio camiño entre o manga, os debuxos animados e a propia banda deseñada de superheroes.
En 2009 tivo a posibilidade de debuxar, xunto a Sara Pichelli, o número 10 da serie regular de Runaways, o grupo de mozos superheroes fillos de superviláns, e no que apareceron como invitados a Patrulla X. E en 2010 o número único ‘Shadowlands: Elektra’, coa letal asasina como protagonista dentro desta liña argumental arredor da personaxe de Daredevil.
Neste para nada exhaustivo repaso do traballo para os EUA de Emma Ríos chegamos á actualidade e ás páxinas de mostra entintadas mais sen cor que podemos ver no seu blogue: a mini-serie sobre o home que se agocha detrás do vilán Duende Verde ‘Osborn’. Evil Incarcereted’ guionizada por Kelly Sue Deconnick e Warren Ellis, que acaba de ser publicada nun tomo recompilatorio, e dous dos seus novos proxectos, como son unha mini-serie de Cloak and Dagger (Capa y Puñal ou Manto e Adaga) e a colaboración con dúas historias curtas para a serie regular de ‘Amazing Spider-Man’, agora mesmo guionizada por Dan Slott.
Semella que en Marvel están cada día que pasa máis contentos con ela e irémola vendo cada vez en proxectos maiores, cos personaxes máis famosos da editorial e xunto a guionistas de renome.
A obra americana de Emma Ríos vaise publicado (non toda) pouco a pouco na editorial española que ten os dereitos de distribución de Marvel en España, Panini. E en galego, de momento, só podemos desfrutar de ‘Hexed’, publicado por El patito editorial.
E dende aquí aproveito para pedirlle a Emma Ríos que por favor redebuxe e remate ‘A prueba de balas’ (APB), esa obra inacabada proxectada en catro números, debuxada e guionizada pola propia autora e da que só puidemos disfrutar dos tres primeiros números publicados por Polaqia. Aproveito tamén para anunciar que en breve teremos por aquí un artigo recordando a historia do colectivo Polaqia que se despide nestes días.
Foto | Emma Ríos
Novas e espectaculares imaxes de ‘Spider-Island: Cloak & Dagger’ con debuxo de Emma Ríos http://marvel.com/images/gallery/story/16203/images_from_first_look_spider-island_cloak_dagger :)