Sabe a literatura galega do libro electrónico?

Foi un dos regalos estrela do Nadal de 2010. Os Reis Magos poñían un ereader nas nosas vidas. Ou un tablet. Os primeiros permiten ler na chamada tinta electrónica (unha tecnoloxía moi vangardista, que elimina os reflexos da pantalla e que convirte o ler nunha máquina para os nosos ollos no mesmo que podería ser ler nun papel) e os segundos son pequenos ordenadores altamente manexables. O iPad comezou a febre dos últimos e agora están por todas partes.

Cando un dispositivo ten tanto éxito coma están a ter estes dous, a consecuencia lóxica é o crecemento moi importante dos subprodutos que eses dispositivos demandan. Neste caso, trátase de contidos, coma o libro electrónico. Segundo o Panorama da edición española de libros, que presentaba vai uns días o ministerio de Cultura, a edición electrónica de libros (e falamos en termos xerais para todo o Estado) creceu en 2010 un 45,6% en comparación con 2009. O papel, pola contra, caía un 1%.

A canibalización é en Estados Unidos incluso meirande, segundo un estudo da consultora tecnolóxica iSuppli. As editoras estadounidenses crecerán menos nos próximos anos (o seu ratio baixará ao 3%) en parte porque o libro de peto perderá difusión en beneficio do máis barato e dinámico libro electrónico. “Á industria do libro tradicional, as consecuencias do libro electrónico e dos ereaders lles asustan debido a caída o libro en impresión, distribución e ventas”, apunta o analista da consultora Steve Mather, nunha nota. iSuppli lémbralles ás editoras que non lles vai quedar máis remedio que reaccionar. Os lectores electrónicos non van parar de medrar en cota de mercado e a xente vai querer contidos que ver. Os prezos dos ereaders e dos tablets está empezando a caer: cada vez hai opcións máis baratas e máis óptimas no mercado.

Se iso lle pasa as editoriais de Estados Unidos, outro tanto lle pasa ás galegas. Cando un lector galego merca un ereader atópase cun catálogo bastante limitado de títulos que descargar de forma legal para ler no ser dispositivo. De forma ilegal non vai atopar nada de nada. Todoebook é unha plataforma de venta de libros electrónicos, legal e de uso moi sinxelo. Preguntámoslles polos seus libros galegos á venda: “Os contidos editoriais en galego aínda non son un gran número en Todoebook, aínda que foi medrando nos últimos anos a cantidade de libros que ofrecemos nesa lingua”. Todoebook traballa xa co 10% das editoriais que pertencen á Asociación Galega de Editores (AGE).

Unha visita rápida polas páxinas webs das editoras galegas (algunhas bastante descoidadas) permite descubrir que o libro electrónico aínda ten moito camiño por percorrer. Xerais comezaba a andaina electrónica no 2009 con dous títulos e, aínda que anunciaba que pronto se incorporarían máis, alí quedaron. Eses dous títulos son os que se poden atopar en Todoebook.

Galaxia foi máis eficiente: a súa biblioteca de títulos en Todoebook é moi completa. A firma seguiu unha estratexia moi intelixente, sacando á edición dixital non só os últimos mellores ventas senón tamén os clásicos, material moi socorrido no mercado do libro electrónico. Galaxia é tamén a nai do primeiro libro galego pensado directamente para iPad e iPhone.

Futuro do libro electrónico

“A relación coas editoras galegas é moi boa, coma con todos os nosos clientes xa que compartimos a súa visión en canto á necesidade de dixitalizar contidos para estar presentes nun mundo dixital no que cada día hai máis lectores”, apuntan dende Todoebook.

Inquiridos sobre se somos o alumno que máis precisa mellorar en España, as noticias son non tan malas. Está o galego moi por detrás do catalán? Está moi por detrás do vasco? “O número de títulos e editoras en galego en Todoebook non é o máis numeroso, pero tampouco o máis escaso: o número de publicación en catalán é máis alto, pero no vasco é máis baixo”.

No 2010, Todoebook vendeu “varios centos de libros en formato electrónico en galego”, superando a cifra do 2009. “A venda de ebooks vai crecendo cada ano en todos os idiomas e pensamos que a do galego seguirá a mesma tendencia en aumento”, engaden. Polo de pronto, as editoras en xeral – sexa cal sexa a súa lingua – empezan a darse conta de que o ebook “é unha necesidade para seren competitivas”, como explican dende Todoebook, “e case unha cuarta parte das editoras galegas que temos en carteira xa comezaron un proxecto de ebook”.

A oportunidade é moi atractiva. E as editoras non deberían deixala pasar.

Best-sellers electrónicos galegos

E que é o que máis se vende en galego e en libro electrónico? Non hai sorpresa. “A novela é a protagonista neste aspecto”, apuntan dende Todoebook, “xa que os libros máis vendidos en galego pertencen a ese xénero”. ‘Sete Palabras’ de Suso de Toro é o máis vendido en Xerais e ‘Ollos de auga’, de Domingo Villar, en Galaxia. Todos os libros electrónicos galegos de Todoebook pódense ver aquí.

Fotos| kodomut

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará