Unha feira do libro en Compostela a medio gas

Teñen realmente sentido as feiras do libro? Se a feira trae a riadas de seres humanos que se achegan, palpan os libros, levan se cadra unha bolsa para a casa ou descobren algún autor fascinante e marabilloso, os deberes están feitos. Se permanece lixeiramente baleira e non hai moitas casetas, a sensación é lixeiramente pobre.

Santiago de Compostela estreou o sábado a súa tradicional feira do libro, sen a presencia dalgunha das grandes librerías da cidade, con ausencia dun elevado número de editoriais e cun programa non moi cheo de estrelas do panorama literario asinando exemplares e facendo peregrinar ata a Alameda compostelana aos seus fans.

O bo da feira é que ten unha boa carpa que impide mollarse e as lameiras. E unha zona para sentarse e gozar da lectura na entrada… que claro está xa se apropiaron os alumnos do instituto cercano. O malo da feira é que xa non é o que era. Hai uns anos, e non tantos, a feira do libro ocupaba todo o paseo central da Alameda compostelana. Enteiro.

“Eu é a primeira vez que estou”, comentaban nun posto, “pero os editores si comentan que este ano hai menos casetas“. En total, 15 son os participantes. Xente vai habendo e, segundo comentan, o domingo pola mañá moitos foron os que se achegaron para buscar a última hora un regalo para o día da nai.

Os participantes seguen o habitual patrón de stand non moi rechamante: as derradeiras novidades acumúlanse en varios montóns facilmente accesibles para os visitantes que, nota á marxe, deberán levar efectivo. Poucos son os libreiros que trouxeron con eles o aparatiño lector de tarxetas.

Chama a atención, por singular, a caseta da editora local de cómics El Patito. Cunha decoración entre peixería e carnicería, rompe coa estética asteta da industria do libro en tempos de feira.

Os libros anúncianse empregando os habituais carteis de prezo, procedencia e tipo de peixe. Como os libros non son coma os ollomoles, e non se lles pode cravar un cartel no lombo,  a mesa de exposición está chea de gomas de borrar das máis clásicas, que serven para mantelos de pé.

Eles están vendendo moi ben ‘De profundis’, de Miguelanxo Prado, ‘Caperucita Roja’ ou ‘Golfiño e os invasores’, un dos títulos que si contou con presentación na feria. Fausto Isorna presentou o volume o sábado e asinou despois exemplares.

A feira do libro de Santiago continuará ata o próximo domingo, 8 de maio. Entre os actos que están previstos hai varias presentacións de libros, como ‘O libro dos cans’, de Estevo Creus en Franouren Edicións, ou ‘O meu gato é poeta’, de Fran Alonso en Xerais.

Tamén asinarán exemplares Eva Veiga, de ‘A frecha azul no teixo’ (Espiral Maior), ou Paula Señarís de ‘Águeda e o misterio dos calcetíns’ (Galaxia).

Cada día, as nove e cuarto, sortéase un lote de libros entre os compradores da feira.

Os horarios son os habituais, de 11.30 a 14  e de 17.30 a 21.30.

Fotos | Disquecool

 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *