Galicia en guerra: a Galicia da Guerra Civil nas fotografías da Biblioteca Nacional

Durante a Guerra Civil, moitos foron os fotoxornalistas que traballaron en España e moitas foron as fotografías icónicas que os desastres da guerra deixaron. Todos temos na memoria moitas desas instantáneas, que son elas mesmas parte da historia. Sen embargo, esas non eran as únicas fotografías que se estaban tomando no momento. Os servizos de propaganda dos dous bandos tamén estaban capturando o que estaba acontecendo (ou mellor dito o que estaba acontecendo e querían contar).

Eses son os fondos que agora a Biblioteca Nacional acaba de poñer a disposición dos internautas. O arquivo fotográfico da Guerra Civil que posúe a BNE alcanza as más de 44.000 fotografías. Unha parte importante destas imaxes (11.000) están xa online na Biblioteca Digital Hispánica.

Buscar entre esas fotografías non é exactamente doado, polo menos se se quere facer unha búsqueda xeográfica, que é o que fixemos nós buscando as imaxes que capturaban a Galicia do momento. Fronte as imaxes doutras rexións, como pode ser Madrid, nas que os efectos da guerra son evidentes (por exemplo, con edificios derruídos e outras imaxes clásicas de zonas en guerra), as da Galicia do momento son moi diferentes. Son imaxes da retagarda, nas que se ven mulleres cosendo, monxas con nenos, grupos de xente en demostracións de apoio ao bando franquista ou farmacéuticos e outro persoal sanitario traballando en laboratorios e hospitais. Non hai que perder de vista en ningún momento cal é a orixe destas fotos e quen estaba ao outro lado da cámara. As fotos contan, por suposto, unha visión moi sesgada do que estaba entón a acontecer en Galicia, a visión que o bando franquista quería transmitir.

Pero, a pesar diso, as imaxes teñen un elevado interese. Como explican na nota de prensa na que a BNE presenta o fondo, non só son contidos de interese para os investigadores e os historiadores, senón tamén unha ferramenta para investigar a historia do fotoxornalismo.

Para quen ve agora as imaxes, sabendo como sabemos o que estaba acontecendo e tendo os coñecementos que temos, non só é doado mirar os elementos contextuais (só hai que mirar o fondo das imaxes e as mensaxes que nelas aparecen para comprender que Galicia era a que estaba sendo retratada) para poder ler as fotos dun xeito máis completo, senón que ademais a propia visión das imaxes ten algo (bastante) de inquietante. Cando as fotos son as de eventos militares, dende comidas (unhas cantas fotos en Ferrol) a desfiles ata chegadas de mandamáis aos que lles tiran confeti (hai unha serie así en Santiago), a experiencia é aínda máis tenebrosa. E cando as fotos son de eventos sociais, como inauguracións de estatuas e similares que parecen completamente alleas á guerra, ademais de tenebrosas teñen un punto delirante.

As imaxes transmiten unha sensación (irreal, por suposto) de normalidade. Os efectos da guerra só aparecen dun xeito indirecto, como ocorre coas mulleres que cosen, ou con certa pompa, como no enterro dun oficial capturado en imaxes na Coruña nunha data indeterminada.

Lugo, 31 de xullo de 1936

Vigo, agosto do 36

Santiago de Compostela, sen datar. Festas do Apóstolo

Galicia, sen datar

A parte posterior destas fotos está escrita en inglés. Practicamente todas as fotos que están metidas neste lote son imaxes desas ‘enxebristas’ que tanto gustaban aos fotógrafos de principios do século XX (e que venderían fóra unha sensación de normalidade).

A única nota discordante é esta imaxe, que segundo explica na parte traseira mostra os efectos dun bombardeo sobre A Coruña. (E si, nos tamén nos preguntamos que bombardeo sobre A Coruña foi ese)

Marín, 1937

Santiago de Compostela, 1937. Laboratorio de farmacia militar

Vendimia na Granja D’Outeiro, Ribadavia, sen datar

A Coruña, 1937. Talleres de confección de roupa para soldados

Ourense, xullo 1938

Santiago de Compostela, vistas da cidade no outono de 1938 (que foi ano santo)

Vilagarcía, 1938, inauguración dunha estatua

Vigo, interior de fábrica de conservas, 1938

Fonte

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *