NOS Primavera Sound 2017: xoves 8

Foto: Disquecool

Hai cousas que non cambian: baixar á parada de Aliados, coller o bus 500, ver como unha señora fai placaxe a dous festivaleiros que fan como que non saben que en Portugal hai que facer cola para subir ao bus. Mirar pola ventá o río e despois o mar, atravesar a zona da Foz. Baixar na Praça da Cidade do Salvador e seguir a riada de xente ata as portas do festival. Ensinar a pulseira (isto si cambiou e foi un cambio benvido: adeus tarxetas que sempre temos medo a perder), mirar as colas de xente no caixeiro automático á esquerda, deixar a zona de comidas á dereita, quizais pasar polo baño porque o bus tardou demasiado. Coller aire. Chegar á mini-cima desde a que se ve o escenario NOS. Decidir destino. Escoitar.

Imos sempre ao Primavera Sound portugués e non ao de Barcelona por esa sinxela razón que todo o que pisa o de Porto sabe: o irmán pequeno do festival é máis bonito, máis cómodo, máis barato, máis limpo e, en xeral, máis fácil de desfrutar. Hai menos concertos e faltan grandes cabezas de cartel, pero máis posibilidades de ser quen de ver todo o que queres sen estrés e complicados cálculos.

O primeiro día do festival, o xoves, non había moito que decidir. Nós chegamos xusto para Cigarettes After Sex, que empezaron a encher o aire de acordes oníricos mentres ocupabamos unha pequena parceliña de herba na zona alta desde a que pechar os ollos. Antes de pechalos vimos que ían todos de rigoroso negro, que xuntaban unha boa cantidade de xente pese a tocar ás 6 da tarde. A expectación era normal: ao día seguinte lanzaban o seu primeiro álbum. Para unha banda formada en 2008, non está nada mal.

Despois chegou o momento dun dos concertos que máis desfrutamos de todo o festival. Rodigo Leão e Scott Matthew (e toda a banda de Rodrigo, con violín e trombón incluídos) repasaron o álbum que fixeron o ano pasado en conxunto, ‘Life is long’, meteron temas de cada un por separado, estiveron xuntos e tamén fixeron turnos.

Scott Matthew, seguramente o tipo máis simpático que teñe pasado polo festival (e con esa voz tan súa e tan triste), quedou só nun momento para cantarnos Smile de Charlie Chaplin e pedir a colaboración do público para I wanna dance with somebody, de Whitney Houston. Fixeron ruído, fixéronnos bailar, rir e chorar, e levaron un aplauso moi, moi longo.

Moita xente aproveitara ese concerto para cear (erro!), nós decidimos que Miguel era o sacrificado da noite. Volvemos despois para ver a Arab Strap. Que dicir? Eu aprendín inglés escoitando a bandas escocesas e ese acento é para min a música máis delicada que existe.

Aidan Moffat non é xa ningún chaval —pero, para que negalo, tampouco o somos nós— e o seu grupo deses que non sabes exactamente se aínda existen ou non (oficialmente, só están de volta para facer cartos algúns concertos), pero é difícil xulgar a propia adolescencia cando están a cantar (ou recitar) The First Big Weekend ou New Birds. Era o día das eleccións no Reino Unido e non faltou o comentario político (Moffat esperando que todos os compatriotas que estaban no festival tiveran votado por correo e NON aos tories).

Para nós, os pratos fortes do día xa pasaran, pero quedamos para pasear un pouco e ver o ambiente xa de noite, comprobando que o peiteado Salvador Sobral era a moda deste ano, desexando por un momento que o concerto de Run The Jewels fose todo a base de cancións de Queen (non o foi) e preguntándonos por que o de Flying Lotus non empeza cunha alerta para persoas epilépticas.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *