NOS Primavera Sound 2017: 10 artistas que non nos perderemos

Un ano máis estamos aquí, a piques de partir rumbo Portugal –que sempre é boa idea– para pasar tres días de música, paseos por Porto e momentos de revelación mirando as ondas. O NOS Primavera Sound, o irmán pequeno do mega-festival barcelonés, empeza mañá. Esta é a lista dos artistas que non nos perderemos:

Bon Iver

Era evidente, non? Eu admito que durante anos quixen ser fan e estaba algo frustrada por non conseguilo: tíñao todo para ser adorado por min. E entón o ano pasado sacou o disco que a priori está máis lonxe do que me gusta e caín rendida, desta vez sen intentalo.

Angel Olsen

Vímola hai un par de anos (ou foi menos?) aquí en Vigo e queremos repetir. O disco que lanzou o outro ano, ‘My Woman’, confirmou todo o que xa sospeitábamos cando quedamos abraiados con ‘Burn Your Fire for No Witness‘: folk rock pouco amable, dese que sae das entrañas e quere facernos apretar os dentes e sentir todo o que desexamos olvidar.

Teenage Fanclub

Pequena historia (e confesión) persoal: a primeira vez que vin a Teenage Fanclub non sabía quen eran. Como defensa, tiña 16 anos e o meu idilio coa música chegada desde Escocia estaba aínda empezando. Lembro que me gustaran moito e que no meu aniversario, poucos días despois, tiven o seu disco ‘Thirteen’ como agasallo. Media vida despois (ai) eles seguen en forma e entregando discos de pop perfecto como o do ano pasado.

Julien Baker

Un día dixo Sharon Van Etten no seu Instagram: escoitade a Julien Baker. Como fan obediente, busqueina, escoitei o seu polo de agora único disco (Sprained Ankle) e namorei. É da escola de Sharon, algo que poderiamos definir como muller-guitarra eléctrica-voz crúa, e insultantemente nova (do 95). Hai moita promesa por diante.

Hamilton Leithauser

Un dos discos que máis escoitei o ano pasado foi o de Hamilton Leithauser, ex vocalista de The Walkmen, e Rostam. A melodía de A 1000 Times é desas que chegan e xa nunca marchan, e razón máis que suficiente para querer velo en directo. Aínda que todos sabemos que dará máis.

Mitski

Xa ten varios discos (catro!), pero foi o do ano pasado, Puberty 2, o que fixo máis ruído e levou mellores críticas. A comparación fácil é con Angel Olsen e con toda a escola de descendentes de Sharon Van Etten (que haberá quen di que veñen de PJ Harvey, pero non sei), pero Mitski ten o seu punto especial, polo menos en disco. Toca descubrir se tamén en directo.

The Growlers

Foron a gran descuberta (nosa) do Paredes de Coura hai uns anos e temos moitas ganas de velos de novo. Por que? Dúas razóns básicas: en directo son divertidísimos (o seu frontman, Brooks Nielsen, é todo un showman) e música na que se mesturan pop, rock, surf, algo de country e, en definitiva, toda California.

Cigarettes After Sex

Eu non son moi de ambient, pero teño levado sorpresas moi favorables (moitas veces sobre min mesma) vendo en festivais a grupos deste tipo. De Cigarettes After Sex din ademais que en directo son unha marabilla, polo que haberá que ir comprobalo pechando os ollos e deixándose levar.

Rodrigo Leão e Scott Matthew

Portugués e australiano coñecéronse hai cinco anos, cando Matthew estivo de xira por Portugal. E menos mal que iso pasou, porque grazas a iso fixéronse amigos e o ano pasado lanzaron un disco conxunto, ‘Life Is Long’, que é como unha especie de milagre. Tanta beleza seguro que chega ao escenario.

Nikki Lane

Din dela que é a nova raíña do country, con permiso de Margo Price, a outra nova raíña do country. Deseñadora de moda e propietaria dunha tenda de roupa vintage, Lane ten xa tres discos, o último deste mesmo ano. Herdeira a partes iguais de Dolly Parton e Loretta Lynn, en directo abraza todos os estereotipos do country e do rock e deixa ao persoal abraiado.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *