Non, non consultáramos os horarios ao facer o noso «10 artistas que non nos perderemos do Primavera Sound», como é evidente ao botarlles unha ollada aos do venres. Entre os imperdibles que tocaban ese día, tiñamos a Angel Olsen, Teenage Fanclub, Nikki Lane, Bon Iver, Julien Baker e Hamilton Leithauser. Ben, Teenage Fanclub e Nikki Lane tocaban ás 21 (en escenarios distintos, claro). Bon Iver ás 22:15 e Julien Baker ás 22:30. Boa sorte!
Pero antes de desvelar por quen nos decantamos nos dilemas da tarde, empecemos polo que vimos nada máis chegar (non todo o cedo que queriamos porque o bus estivo nun atasco): Whitney estaban a comezar o seu concerto e sorprenderon para ben. Claro que non deberían ter sido unha sorpresa: Light Upon the Lake foi un dos mellores discos de 2016. Os fans estaban entregados, eles tamén —aínda que dixeron que amaban Lisboa— e os seus temas soaron moi ben. Houbo que esperar ao final para o seu hit «No Woman» e para despedirnos con bo sabor de boca.
Despois tocaba Angel Olsen, que xa nada máis saír ao escenario deixou claro que a evolución evidente que vimos con Woman é real: parece xa moito máis cómoda co directo, ao fronte dunha banda á que leva de uniforme. Guitarra en man, repasou temas recentes e antigos, facendo que todos soasen como se fosen da súa última época: tanto o máis cañeiro como as baladas presentaban esa solidez do último disco, ao que axudou a banda impecable.
E chegaron as 21 e con elas o noso primeiro dilema da noite: ¿Teenage Fanclub ou Nikki Lane? Tiramos polo camiño máis duro e fixemos caso, para dor do noso corazón, do estómago que levaba xa un tempo queixándose e que non vía cando atoparíamos oco para el: decidimos non ter que escoller e aproveitar para cear. Desde a zona de prensa escoitamos a Nikki Lane un pouco de lonxe (e soaba moi ben!) e despois chegáronnos os acordes de «The Concept» directos ás tripas e tivemos que pechar os ollos ben forte para non deixar á nosa adolescencia reaparecer entre bágoas.
A seguinte decisión foi máis sinxela: sentíndoo moito por Julien Baker, unímonos ás masas de Bon Iver, que deu un concerto tan emocionante e bonito como esperabamos. Houbo sobre todo presente e algo de pasado (e a min, como nos discos, o presente chegoume moito máis, aínda que moitos dos temas antigos recibiron un revestimento à la 22, A Million), houbo videoproxección desas que non podes mirar cando pasas un concerto cos ollos pechados da emoción, houbo xente que falaba cando non debía (morte!), e houbo bis con «Skinny Love» que segue a ser iso que sempre foi por moitas veces que a escoitemos.
De Bon Iver corremos ao escenario Pitchfork para ver ao último imprescindible do día. Xa dixemos que o ano pasado non deixamos de escoitar o disco de Hamilton Leithauser e Rostam e esperabamos que tirase por aí. Fíxoo e non decepcionou: cun público moi entregado (en primeira fila había un grupo de rapaces adolescentes que sabían todos os temas!), o concerto foi un inesperado karaoke de eses que cada vez se ven menos. Explicou algunhas das cancións e fixo que todos fósemos felices con «A 1000 Times», unha desas cancións que soan tan clásicas que costa crer que só leven uns meses circulando polo mundo.