Kolmannskuppe, o Berlín africano que foi sepultado pola area

Kolmanskop_sand

En 1908 un traballador do ferrocarril tropezou, en pleno deserto do Namib, no que entón era unha colonia alemá e que hoxe é Namibia, cunha pedra. A pedra non era unha cousa calquera, senón un diamante e o seu descubrimento tivo un efecto inmediato (como acontecía con cada avistamento de ouro, prata ou pedras preciosas que se facía naquela época e nas décadas anteriores). O diamante creou unha febre e apareceron máis e máis buscadores de fortuna que andaban á procura da riqueza. E onde aparecen buscadores de fortuna aparecen edificios e progresivamente, no medio do deserto namibio, medrou unha cidade, Kolmannskuppe, que sería unha das cidades máis modernas da zona e que é hoxe en día unha desas ruínas fascinantes que dan para ver e volver a ver fotos e máis fotos.

En Atlas de las ciudades perdidas, un deses libros de viaxes que non son exactamente de destinos de viaxar (e que acaba de publicar Geoplaneta), Aude de Tocqueville, a autora, inclúe a Kolmannskuppe na lista de cidades que un día foron visitables e habitables e que agora xa non o son. Kolmannskuppe tivo un momento de gloria entre os anos 10 e 20. A cidade tivo o primeiro equipo de raios X de toda África no seu hospital, tiña unha moderna liña de tranvía que a unía con Luderitz (a que hoxe é a única cidade habitada en 130 quilómetros á redonda, como explica Tocqueville) e contaba con grandes almacéns ultramodernos que vendían as últimas modas e novidades importadas de Berlín.

Kolmannskuppe

Kolmannskuppe  era un Berlín no medio do deserto africano. A cidade contaba con todas as comodidades e os seus habitantes (non as masas traballadoras, iso si…) vivían ao grande. Por ter tiñan ata canalización de auga potable no medio do deserto (auga que costaba moito máis que a cervexa). Todas as mañás, as rúas eran barridas para evitar que a area que chegaba do deserto se acumulara nas beirarrúas. E as beirarrúas servían para chegar a impresionantes edificios art nouveau, a piscinas, teatros, escolas ou a un casino.

3673195381_d68860c1a4_zQue pasou con Kolmannskuppe? Non foi a Primeira Guerra Mundial a que acabou coa cidade (a pesar de que poda parecer que é o máis probable a primeira visto por aquelo de que era unha colonia alemá e Alemaña perdeu a guerra) nin tampouco foi o feito de que a cidade estaba plantada no medio de deserto.

O que acabou con Kolmannskuppe foi unha crise nos anos 30. Os prezos dos diamantes caeron e ademais apareceron lugares con máis pedras. Nos 50 a cidade comezou a perder os seus habitantes e pouco a pouco o deserto comezou a invadir edificios, rúas e grandes almacéns.

7707685504_2aafc3a607_z

Kolmannskuppe é agora material para fotos de ruínas desas que dan para artigos en internet (eses que non podes evitar non ver) e, se o movemento lles sae ben ás autoridades da zona, un novo destino para o turismo. Como contan no Atlas, hai uns anos comezaron a restaurar algúns dos edificios, botando de volta a area para o deserto e mostrando como era a vida no lugar xusto na súa época de esplendor. A cidade é por tanto agora unha cidade fantasma aberta a turistas na que conviven lugares que parecen conxelados no tempo e lugares que están sendo invadidos pola area.

10252328066_e180547248_z

3306952734_aefd228482_z

16790506921_ab919f4967_z

189491036_c8aec8e040_z

Fotos Wikipedia,  Michiel Van BalenvigeTee La RosaChristiaan Trieberthans wakataiteaDamien du Toit

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *