Caixeiros para mercar e levar cupcakes

Cupcake BatmanTodo comezou en Beverly Hills hai uns anos. Sprinkles, uns pasteleiros especializados en cupcakes (e que son considerados uns dos pais da febre desa madalena frosteada), decidiron ofrecer un servizo 24 horas para os seus clientes máis entusiastas e desesperados por facerse a calquera hora cun cupcake de cores. Así que en 2012 abriron o primeiro caixeiro do mundo que – no canto de dar cartos – permite mercar cupcakes. En definitiva, unha versión rosa-goma-de-mascar dos, por exemplo, caixeiros que hai nas zonas de chegadas dos aeroportos que permiten mercar flores aos despistados. 

A idea chegoulles cando Candace Nelson, a copropietaria do negocio, estaba embarazada e tiña o antollo de comer cupcakes a cada hora. Pensou que era unha mágoa que sendo a dona dunha bakery (xa sabedes, ese nome que importamos para identificar a todas estas novas panaderías – pastelerías de aires estadounidenses) non poder facelo e, como boa emprendedora das que poñen como exemplo nas revistas económicas, montou o primeiro caixeiro.

A aventura empezou nunha única cidade estadounidense, pero, tendo en conta a febre de amor polo cupcake na que nos atopamos, pronto deu o salto a outras localidades do país. Chigicago, Dallas ou Atlanta teñen o seu propio caixeiro de cupcakes (con conta comunal en Twitter) e o invento acaba de chegar a Nova York. Cada consumidor pode mercar unicamente 4 cupcakes en cada volta e ten que pagar por cada un deles 4,25 dólares (ou, ao cambio, uns 3 euros). Para conseguir chegar ata o caixeiro de cupcakes hai, por suposto, que facer cola (10 minutos, segundo as testemuñas coas que falou The Wall Street Journal)

Todos os cupcakes son feitos de xeito artesanal, como os que venden nas tendas físicas da cadea. A aposta estalles a saír bastante ben. De media, cada caixeiro vende 1.000 cupcakes ao día  (si, 1.000 cupcakes cada día), o que crea, segundo estimacións da revista Fortune, un negocio de 9 millóns de dólares (e só cos cupcakes que venden coas máquinas expendedoras). O éxito foi tal que a primeira máquina expendedora que puxeron de cupcakes fundiu polo exceso de traballo.

Canto tardarán os ollos de alguén a este lado do Atlántico en converterse en símbolo de dólar e en importar a idea? Quen sabe… E a outra pregunta é… que nos queda por ver no mundo dos cupcakes?

Foto Sprinkles Cupcake ATM – Beverly Hills

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *