O último en viaxes organizadas: escolle a túa aventura

aventura

Lembras aqueles fantásticos libros “escolle a túa aventura” que había cando eramos pequenos? Ao final de cada páxina tiñas un par de opcións sobre que faría o personaxe principal (ou outras cousas) e, segundo o que escolleses, tiñas que ir a unha ou outra páxina. Esa sensación de control sobre o argumento, de moitas opcións que se abrían ante ti, era marabillosa. E agora parece ser que está a ser rescatada no mundo das viaxes organizadas.

Nós, claro, como xente pobre e aventureira que somos, sempre facemos viaxes do tipo “escolle a túa aventura” (aínda que ás veces é a aventura a que nos escolle a nós), pero a xente con cartos, eses ingleses xubilados que pasan o tempo facendo cruceiros, están xa un pouco aburridos. Si, este é un post dirixido quizais a ese tipo de público, pero quen di que non temos avós ingleses entre os nosos lectores? Ou seguro que algún de vós é rico e non se atreve a dicilo en público (e bota en falta artigos para ese perfil). Para todos vós, avoas británicas e hipsters galegos con cartos, chegan os cruceiros “escolle a túa aventura”, nos que os pasaxeiros van escollendo sobre a marcha os portos nos que facer escala.

Esa é a idea que tiveron desde a compañía Fred.Olsen Cruise Lines coa súa nova liña: 15 días de ruta mediterránea (chámano así, pero saen de Southampton e pasan por Galicia e Portugal) nos que cada 48 horas os pasaxeiros poden decidir cal será a súa próxima parada entre dous destinos. A primeira decisión que deben tomar, por certo, é a de parar en Vigo ou en Leixoes. Na web explican algúns puntos nos que basear a decisión:  Vigo é “rica en cultura e con arredores históricos”, e Leixoes un “porto colorido e contemporáneo”. Este último “ofrece a oportunidade de obsequiar ás túas papilas gustativas cunha cata de Viño de Porto”, mentres que en Vigo os viaxeiros poderán “atoparse con arquitectura románica e vistas panorámicas das montañas e a exuberante frondosidade que treme na distancia”.

O Braemar, o cruceiro no que mandan os pasaxeiros

O Braemar, o cruceiro no que mandan os pasaxeiros

Despois hai que escoller entre Málaga e Xibraltar, Barcelona ou Palamos, Valencia vai fixo (non hai nada próximo igualmente atractivo para escoller?), Cartaxena ou Alicante, Cádiz ou Portimao, e por último, A Coruña ou Ferrol (que non, non o describen como o Detroit galego, senón como un lugar no que os ingleses crerán que están na casa). Que paradas fariades?

Tendo en conta que o prezo máis barato é de 1.199 libras, supoñemos que ningún de vós fará esta viaxe (ou si, se sodes eses lectores ricos ou avós ingleses), pero non pasa nada, non é que o esteamos a recomendar. É só que a idea semella moi orixinal e divertida e que, aplicada a outro tipo de viaxes, podería darlle ao mundo do turismo organizado un novo pulo. Viaxar coa ilusión de non ter nada planeado, porque non sabes o que visitarás, pero coa seguridade de non perderse, nin aburrirse. Hai público para iso e non só entre xubilados.

Algunha axencia de viaxes que queira volver a ter traballo propoñendo algo así? Habería ata xente nova interesada!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará