Achégase pouco a pouco o verán e comeza a época do terraceo. Atopar un lugar onde tomar algo gozando das últimas raiolas do sol da tarde ás veces non é tarefa doada, por iso, a apertura de A Cocotte, no cruce entre Entremuros e Casas Reais, é unha boa noticia para todos os terracistas santiagueses. No antigo local que antes ocupaba o Pizza Polo, este novo bar pon o encanto francés perfecto para comezar a noite. A Cocotte non só ofrece bebidas e cócteles, senón que tamén ten unha carta que fará que máis de un comece ceando neste novo local santiagués.
Cun mobiliario baseado na madeira lisa, as mesas e os mesos destacan pola súa fermosa simplicidade. O local divídese en, por dicilo dalgunha forma, dous ambientes: un principal, formado por esas mesas das que falaba e varios mesos que permiten sentar na barra, e un traseiro, máis resgardado e máis íntimo. E non podemos esquecer a terraza na que a madeira volta a ser o elemento común. Na praciña que se forma á fin de Entremuros con Casas Reais esta terraciña é o lugar perfecto para tomar unha cervexa ao sol pola tarde.
Pero… e que hai de comer? A carta vai desde os almorzos ata as ceas, así que dependendo de que queirades poderedes escoller desde almorzos franceses con crepes ata pizzas ou made yourself nachos. Outras opcións máis innovadoras son os Corn Dogs ou o Camembert fritido con mollo de cilantro. Tamén os celíacos terán onde escoller na carta. Unha variedade máis que apetecible que fan que me arrepinta de ter comido un bocata na casa antes de ter ido.
Para beber, as opcións abranguen desde unha carta de viños selecta ata cócteles como o Shirley Temple, Margarita ou o Bloody Mary. Para os máis cervexeiros, non vos asustedes ao ver a billa de Super Bock que preside a barra, tamén teñen tercios de Estrella Galicia!
Sen dúbida, A Cocotte é un lugar ao que é máis que recomendable ir. Quizais un chisco máis caro que a media de locais composteláns pero nada que faga chorar os nosos petos. Marcho do bar reparando nas dúas cestas de pan que acompañan á decoración da porta que dá paso á terraza e volvo a pensar: sen dúbida, un bar con moito encanto.
A Cocotte está en Casas Reais 27, Santiago de Compostela.
Abre de 13:00 a 1:00 de martes a xoves e o domingo e de 13:00 a 2:30 os venres e sábados. O luns está pechado.
Foto A Cocotte
Un sitio no que tardan en atender, pides un auga e poñen unha de plástico que no supermercado custa 35 céntimos como moito e cobranche 1 euro 20… e unha das súas supostas especialidades as 9 da noite xa se esgotara… pouco mais que dicir
Pois eu comín Xenial, as costillas en táboa do mellor, así coma un polo crocante que estaba delicioso cun puntiño de curry, e o de que as especialidades se esgoten sempre me gustou, xa que indica que non se fan moitas cantidades para que non sobre e se faga todo fresco do día. Eu doulle un oito, ademáis cómese barato, rico e a fartar.
Pouco mais que dicir