4 cestas para ir de pícnic

 O bo tempo continúa e o único que apetece é saír á rúa. Comer tirados na herba (ou os que tedes máis sorte a pé de praia) e gozar das raiolas de sol intentando deixar de pensar cando volveremos a telas. O tempo é –  e quen nos diría hai unhas semanas que chegariamos a exclamar isto? – marabilloso!! Así que non queda máis remedio que adiantar a tempada de pícnic para aproveitalo. Ir de pícnic ten toda unha parafernalia asociada para maximizar a experiencia: a comida é importante, tamén a bebida ou o lugar e, por suposto, os utensilios nos que comes. Hai xente que, como min, nunca pasamos máis alá do mantel vello e os pratos de plástico duro que por algunha razón foron aparecendo na cociña e que, por suposto, admiramos e envexamos á xente que é quen de ter un enxoval preparado para ir de pícnic con estilo. Unha fermosa cestiña de vimbio, uns pratiños de fermosa porcelana e ata unhas copas (de cristal do de verdade!!) no que beber con estilo.

Así que velaí van  4 recomendacións para que vos fagades coa perfecta cesta de pícnic.

Cesta pícnic Imaginarium Picnic Set Pink. Se cadra, postos a comezar habería que partir do punto cero e non emocionarse aínda coas cousas que poden romper. As cousas desta cesta están pensadas para o público infantil así que son irrompibles. Leva 4 de cada: 4 pratos, 4 vasos de plástico de cores e 4 de cada en cubertos (cubertos que poderías subir a un avión sen que ninguén diga nada, así que non deberías empregalos para cortar un filete) e un manteliño.

Vale, todo é dun tamaño reducido, pero iso só a fai máis riquiña (segundo a súa descrición é coqueta…) e foi elixida polos nenos como o produto máis entretido.

Por suposto, é desa mina de cousas marabillosas chamada Imaginarium e sae por 17,95 euros. Se o rosa é demasiado para vós, Juguettos tamén ten unha. Neste caso é azul e os vasos non son de plástico (pero tampouco de cristal, non vos emocionedes).

Cilio Stresa deluxe

– Cilio Stresa deluxe.  En realidade os adultos, aínda que tamén teñen cestiñas de vimbio e cubertos completos, teñen opcións máis grandes e máis caras.

Esta é a cesta máis popular de todas as que vende Amazon e sae por 45,85 euros. A diferencia da de Imaginarium ten cores máis discretas e copas de cristal, que todos sabemos que é o punto culminante para ser completamente decadente cando se vai a comer tirados polo chan.

 – Cesta de pícnic de cadros Vichy. Vale, esta é a máis cara de todas as cestas de pícnic atopadas en internet e seleccionadas, pero é que é xusto o que pensas cando imaxinas unha cesta de pícnic premium. É de vimbio escuro, tapizada en cadriños Vichy e ten todo, practicamente todo, o que poderías precisar nunha comida campestre.

Custa iso si 125 euros en The Welly Home.

cesta-de-picnic-cuadros-vichy

Non só leva pratos, cubertos e copas (o das copas é algo que sempre me fai dubidar da miña capacidade para conseguir que todo isto sobreviva con ben) senón que tamén incorpora sacarrollas e saleiro-pementeira. Si, de verdade.

mochila picnic

– Mochila con kit para pícnic. Non é en propiedade unha cesta, pero como hai xente neste mundo que prefire as mochilas (por que?) non debería deixar de mencionala. Esta sae por uns 50 euros  e leva… unha táboa de cortar!!! Semella práctica, pero o glamour e a decadencia retro non haberá mochila que vola ofreza. Non o esquezades.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará