Virxilio Viéitez, o artista agochado nas fotos do carné

VV_203

Ata o final da súa carreira poucos sabían de Virxilio Viéitez. Viéitez era un fotógrafo autodidacta, que facía fotos que non aparecían nas grandes galerías. Aínda que eran tamén arte. Cando era un mozo, Virxilio Viéitez marchou á Costa Brava, mercou unha cámara de fotos e comezou a facer fotos dos turistas que veraneaban na zona. Era un xeito de gañarse a vida e, cando volveu nos 50 a Soutelo de Montes, seguiu facendo o mesmo. Pero neste caso quen posaban ante as cámaras non eran os turistas senón os seus propios veciños, que tiñan que facerse fotos para o seu carné de identidade e as súas tarxetas de familia numerosa. Viéitez percorría a comarca coa súa cámara e unha sabana branca que servía para facer de fondo.

Así o fixo durante anos, aproveitando cada disparo (cada foto tiña que ser a boa porque non había tantos recursos como para adicarse a repetir as instantáneas) e escribindo tamén os rexistros da policía dos carnés de identidade porque tiña boa letra.  Ademais de facer fotos de carné, tamén se adicou a recoller en imaxes o que precisaban os partes de atestados dos seguros, a facer fotos de sucesos noticiosos para a prensa local e a retratar a nenos de Primeira Comunión, vodas e ata algún enterro. As clásicas fotos que todas as persoas da época tiñan no álbum familiar pero que, no caso de Vieitez, eran algo máis.

Fermín, Avelino, Bautista e Pepiño, Soutelo de Montes, 1957

Fermín, Avelino, Bautista e Pepiño, Soutelo de Montes, 1957

O seu arte non foi recoñecido ata moito tempo despois de que o fotógrafo captara todas aquelas instantáneas. A súa filla Keta decidiu aventurarse a ver que gardaba o seu pai nas caixas de negativos cando el xa se retirara e descubriu un tesouro. Nos 90, Viéitez protagonizou as súas primeiras exposicións e sorprendeu á crítica. Henri Cartier-Bresson incluíu unhas imaxes de Viéitez na exposición Al gust de Cartier-Bresson, que estivo en Amsterdam, Barcelona e Nova York. O fotógrafo de aldea comezaba a ser recoñecido. Viéitez morreu no 2008, pero a súa filla Keta segue a manter viva a memoria da súa obra, que está a protagonizar cada vez máis exposicións. Dous anos despois da súa morte, protagonizou unha exposición conmemorativa no MARCO de Vigo que agora chega a Madrid. A Fundación Telefónica adícalle unha das plantas do seu espectacular edificio na rúa Fuencarral á obra de Viéitez.

Virxiliovieitez FundacionTelefonicaA exposición, unha colaboración entre o MARCO e a Fundación Telefónica, permite ver 250 fotografías (a meirande parte en branco e negro, Viéitez non experimentou moito coa cor) e algúns elementos inéditos, como as latas nas que se conservaban os negativos ou cámaras.

As fotos están repartidas pola sala de exposición en columnas individuais, que crean unha sorte de bosque coas persoas de Soutelo de Montes. Como nos explican dende a Fundación Telefónica, trátase de crear a sensación de estar paseando entre os veciños de Soutelo. A disposición resulta bastante curiosa e chama a atención, aínda que cando levas xa un tempo vendo as imaxes resulta un pouco confusa (se es de esa xente que precisa ver todo de forma ordenada para asegurarte de que non perdes nada, non serás quen de aturalo moito tempo). As imaxes permiten facerse unha idea moi completa e realista de como era a vida na Galicia dos 50, os 60 e os 70, as principais décadas nas que se fixeron as fotos.

A resposta do público está sendo moi boa, confirman dende a Fundación. Só no fin de semana da inauguración, a exposición tivo 4.000 visitas. A exposición estará aberta ata o próximo 19 de maio e ben merece unha visita. A Fundación Telefónica completa o espazo de exposición con un completo programa de actividades relacionadas con Viéitez e a Galicia da súa época.

Fotos |  © Virxilio Viéitez, VEGAP, 2013, cortesía da Fundación Telefónica

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *