O libro de cociña dos cerebros das novas tecnoloxías

twitter cupcakeÉ este o libro de cociña máis geek da historia da Humanidade, que só espécimes estraños que escriben en seccións de tecnoloxía (como quen escribe) mercarán? Ou é este o libro de cociña que fará que os descoñecidos todopoderosos emerxentes do mundo das novas tecnoloxías (entre os que hai uns cantos hipsters!) deixen de ser tan pouco populares  e sobre todo de ter esa fama de rariños? The Startup Chef‘ é posiblemente unha das recompilacións de receitas máis sorprendentes dos últimos tempos. A razón? Todos os seus autores son membros populares do universo startup estadounidense (Silicon Valley máis todos eses que andan a aparecer por lugares como Nova York).

Asinan as receitas personaxes como Matt Mullenweg, o cerebro detrás de WordPress (o deus de internet o bendiga por todo o ben que nos fixo!), as irmás de Mark Zuckerberg (que teñen unha empresa de algo, pero que todos sabemos quen son polo que o sabemos), Daniel Ek, o creador de Spotify (que ten unha das receitas que penso que nunca serei capaz de ser o suficientemente valente como para facer), ou Dennis Crowley, o CEO de Foursquare. Ademais hai nomes de Facebook, Google, YouTube, Foodspotting, Yahoo! ou Klout. O libro está en inglés (e non semellan que vaian a traducilo) e unicamente en versión electrónica. Todos os beneficios irán a parar a unha boa causa, a de alimentar a aqueles que non teñen con que facelo.

As receitas son un pouco de todas partes, co toque exótico que da a mestura de culturas en Estados Unidos e sobre todo do universo emprendedor. Hai dende falafel ata pancakes fineses ou ensaladas de polo quente, pasando por polo ao limón, unha sopa de salchichas ou – a miña favorita – unha receita para facer un iPhone de chocolate. O único malo para os lectores non estadounidenses é o de ter que andar á procura das equivalencias europeas das medidas e sobre todo dos produtos que empregan para os seus pratos.

O libro está ademais editado pola plataforma Leanpub, que ofrece formatos compatibles con practicamente todos os dispositivos de lectura de libros electrónicos pero cunha peculiaridade. O ebook está sempre vivo e unha vez que o descargas podes acceder ás súas sucesivas actualizacións, como farías cunha aplicación calquera descargada no teu móbil. Tampouco ten un prezo fixo. O mínimo que podes pagar polo ebook son dez dólares, pero unha vez que aceptas esa cantidade en realidade podes pagar a vontade. Os editores recomendan 20 dólares, aínda que non estás obrigado máis que aos dez.

Foto (duns profesionais da pastelería) |   clevercupcakes

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *