Aturuxo, onde facerse – por fin! – con cultura galega en Madrid

Se vives en Madrid, esa capital na que se supón que hai de todo (desde restaurantes etíopes ata chegados de Afganistán pasando por outros que cumpren as pautas kosher, ata tendas especializadas en cousas tan exóticas como zapatos ecolóxicos ou rúas adicadas ao vintage), podes atoparte cun problema se o que queres é facerte co último best-seller galego (que os hai).

En Madrid non hai onde facerse con libros galegos e en galego e non terás máis remedio que ir á rede (grazas, Toupa.net), dar uns cantos clicks  e agardar que o carteiro che traia o teu paquete. En realidade, en Madrid, non hai a golpe de man moito máis alá do tópico das empanadas, o polbo á feira e un cruceiro na praza de Jacinto Benavente.  Ou había. Mellor falar en pasado: porque acaba de abrir en Chamberí Aturuxo, unha tenda galega que non ten empanada (a pesar do que poden esperar as velliñas do barrio) e que ten moito potencial para converterse na oficiosa embaixada dos emigrados a Madrid. Polo de pronto, os seus donos (galegos) queren axudar a encher ese baleiro (sen esquecer a labor que fixeron outros antes e que seguen a facer) de produtos galegos e non tópicos.

“Consideramos que hai unha riqueza real que mostrar”, explica María Carreira, cofundadora con Diego Castelao, de Aturuxo Tenda Galega. Aturuxo vende literatura, ensaio, música e artesanía. “A artesanía”, sinala Diego Castelao, “é unha linguaxe universal”. O pequeno baixo que ocupan en Chamberí, o barrio máis castizo da capital, non está a rebosar cal cova de Aladino, pero si ten bastantes cousas que permitirán cubrir algunhas necesidades básicas do galego en Madrid, dende o pucheiro para a queimada ata ‘Engurras’, esgotado na semana post-Goya e que conseguiu incluso seducir a un non galego falante, que o veu e o levou.

Sargadelos en Madrid, na libreria AturuxoOs galegos e os fillos de galegos son os primeiros potenciais compradores de Aturuxo, pero como nos confirman María e Diego non son os únicos. “A acollida é moi boa”, explica María, que sinala que a “xente entra” e compra. Os veciños do barrio foron os primeiros en darse conta da súa existencia, pero as redes sociais están facendo o resto. Nunha cidade na que a cultura galega ‘comercial’ se limitaba a un estante na Casa del Libro con poemas de Rosalía, algún libro de Manuel Rivas e un par de poemarios deslucidos de poetas pasados que só coñece a túa irmá que os está a repasar para Selectividade, había fame de cultura galega.

Foi esa fame a que confirmou a María e Diego que o que era “un soño” tiña percorrido. “Traballei na Feira do Libro”, explícanos Diego Castelao, “na caseta dos editores galegos. A xente preguntábame onde mercar libro galego en Madrid“. Ás letras sumáronse outros elementos da cultura galega e así chegou a artesanía (a prezos moi axustados, explican), a música, as artes plásticas, as xoias de acibeche de Santiago… Cada tres meses esperan renovar aos artesáns cos que traballan “para que se vexan” e dende que abriron hai dous meses xa celebraron algún que outro evento e esperan celebrar aínda máis. Para empezar, xa están a traballar no que farán o próximo Día das Letras.

Podes atopar Aturuxo Tenda Galega na rúa Vallehermoso, 104

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará