Lembro perfectamente o día no que, hai uns tres anos e medio e co meu Macbook acabado de estrear, empecei a ver un capítulo de ‘Dexter’ para descubrir con alegría que o asasino en serie máis querido do mundo utilizaba o meu mesmo ordenador. Tras esa ilusión inicial entráronme as dúbidas: que significa exactamente ter o mesmo ordenador que Dexter? Debería preocuparme? Canto pagou Apple para facer de Dexter un fanboy? É unha estratexia acertada?
Claramente, si. Dexter será un asasino, pero sabemos que é un asasino bo. Algo menos comprensibles son outros movementos de product placement tecnolóxicos en series, coma o momento no que en ‘Homeland’ (moi recomendable!) vemos que Abu Nazir, o terrorista islámico máis buscado do momento, é usuario de Windows. Pagou Microsoft por isto? É unha decisión do guión? É todo cousa de Apple, que tamén puxo en mans de Saul -un dos personaxes máis entrañables da serie- un iPhone?
Outros usuarios célebres de iPhone e protagonistas de dous product placement moi evidentes, pero levados de forma maxistral, son o doutor House e Raj (‘The Big Bang Theory’). O primeiro recibe un iPhone de parte do seu amigo invisible (en realidade é el mesmo quen lle rouba o smartphone a Wilson e o coloca na súa mesa envolto nun pano) e asegura de forma irónica “uau, ou isto custa máis de 25 dólares ou empezo a dubidar seriamente das estratexias de negocio de Steve Jobs”.
O de ‘The Big Bang Theory’ vai máis alá, cun capítulo completo adicado a Siri, o novo asistente virtual do iPhone 4S: o episodio é en realidade un anuncio no que se demostra como é a funcionalidade estrela do último smartphone de Apple, pero está tan ben levado e encaixa tan ben no guión que non importa. Raj é ese personaxe que non é quen de falar con mulleres sen alcohol polo medio e que atopa en Siri a súa compañeira perfecta. Consegue ata que esta se dirixa a el non polo seu nome, senón dicíndolle “sexy”. Hilarante (e confeso que non son moi fan da serie).
Despois están os casos de product placement incomprensibles ou frustrados. En ‘Covert Affairs’, por exemplo, a protagonista Annie Walker (de prácticas na CIA) e os seus xefazos espías non utilizan un iPhone ou Android de última xeración para as súas labores. Iso sería demasiado evidente, non? Quen pensaría en cambio que esa rapaza cun smartphone Nokia é unha espía? Symbian mola porque é vintage, pero non estamos seguros de que sexa a mellor opción para axentes da CIA.
O product placement máis torpe dos últimos tempos é o de HP en ‘Gossip Girl’. Cantos cartos gastarían para facer que esta tempada a etiqueta da marca estea en todo dispositivo tecnolóxico que aparece na serie? E cantos cartos para que os personaxes utilicen o seu tablet, o TouchPad? Os que seguides a actualidade tecnolóxica xa teredes notado onde está o erro: HP deixou de fabricar e vender TouchPads en agosto, co que cando se estreou esta última tempada de ‘Gossip Girl’ os seus personaxes utilizan un tablet que non existe. Xenios!
O product placement ás veces molesta, ás veces é demasiado evidente como para non rir (Nate a Serena, que escribe no seu portátil de HP: “ano novo, vida nova… and cool new computer!“), e ás veces está ben feito. Claro que House quere un iPhone e ten un MacBook Pro. Hai cousas que encaixan nos personaxes. O que seguimos sen ver claro é o dos axentes da CIA con Nokias. Aínda que como manobra de despiste parece moi acertada.
A min fáltanme usuarios de software libre nas pantallas :-)
O mesmo pasa en “Fringe”: no noso mundo son usuarios de Mac pero sen embargo na realidade alternativa “tenebrosa” son todos usuarios de Windows…
Creo que en temas de produce placement poucas cousas superan a isto: Resident Evil 5: Retribution http://www.youtube.com/watch?v=ZRmWLqrJkz4 :D
Tamén está o capítulo de Modern Family que xira arredor do iPad,
http://www.youtube.com/watch?v=XJp4_bxHOgU