Por que debes ler Pasar, de Nella Larsen

Unha carta e un encontro casual: iso é o que fai que a finais dos anos 20 dúas mulleres que foran amigas de infancia volvan retomar a súa relación. Irene Redfield e Clare Kendry non se vían dende que eran adolescentes, cando a morte do pai da segunda a eliminou do círculo no que vivían. O encontro é o que pon en marcha a novela de Nella Larsen, Pasar, que Irmás Cartoné acaba de publicar na súa primeira tradución en galego. E é o que pon en marcha unha historia que será moito máis complexa que o que un simple reencontro de amigas de infancia podería ser, posto que Clare Kendry tomara uns anos atrás a decisión de ‘pasar’, de cruzar a fronteira racial. Clare facíase pasar por unha muller branca e nos Estados Unidos dos anos 20 aquela era una cuestión bastante complicada.

O fenómeno de ‘pasar’ era algo que estivo presente na historia dos Estados Unidos dende o século XVIII, como explica nunha moi interesante charla a historiadora Allyson Hobbs (a charla dura máis dunha hora, pero realmente merece a pena). Hobbs é unha experta no fenómeno, que basicamente se pode resumir como o intento (que moitas veces tiña éxito) dunha persoa de se facer pasar por alguén doutra raza.

Os textos literarios, como o de Larsen, soen abordar as experiencias de persoas afroamericanas que se facían pasar por brancas, pero o certo é que non eran os únicos grupos sociais que intentaban ‘pasar’. Tamén hai casos de traballadores chineses que simularon ser mexicanos (as leis contra a inmigración dende China en EEUU no XIX eran brutais) e tampouco se deben esquecer no listado, como lembra Hobbs, aos xudeus que cambiaban os seus apelidos para que os demais desen por sentado que eran ‘xentís’. E, sen dubida, había tamén casos de ‘pasar’ en termos de clase.

Por suposto, todas estas decisións de intentar cambiar como os vían os demais para intentar introducirse nun grupo demográfico diferente non eran unha cuestión de capricho. Os primeiros intentos —no caso das persoas afroamericanas— estaban moi claramente marcados por un contexto concreto: pasar por branco podía ser a única chave para escapar do sur escravista ao norte (foi o que fixo Ellen Craft, nun caso novelesco que está xa en preprodución en cine). Cando a escravitude rematou, non rematou a segregación, así que os casos de ‘pasar’ estaban moi marcados pola necesidade e o desexo de vivir cunha mellor calidade de vida, o poder acceder a mellores postos de traballo ou mesmo o de poder acceder a unha educación. Basicamente, era unha sorte de solución desesperada para deixar de vivir nun entorno racista.

Un só tiña que parecer o suficiente ‘outra cousa’ para cruzar a barreira, aínda que iso implicase romper coa familia, co entorno e entrar nunha sorte de exilio. Por tanto, a experiencia non deixaba nunca de ser dramática, xa que ao final había que asumir que nunca xamais se ía poder volver a conectar co mundo que se deixaba atrás.

E aí é onde arranca o Pasar de Nella Larsen: atopando por casualidade á súa amiga Irene Redfield anos despois de ‘pasar’ e retomando o contacto con ela e o seu círculo, Clare Kendry acaba abrindo a caixa de Pandora, rompendo as regras elementais para poder ‘pasar’ e entrando nunha nova situación da que non se pode unha imaxinar como pode saír con ben.

A novela de Larsen —nunha das como sempre moi coidadas edicións de Irmás Cartoné— é unha aproximación a este fenómeno histórico, unha que xa prometo vai acabar facendo que pasedes un bo anaco consumindo máis e máis información na rede e incorporando o libro que Allyson Hobbs escribiu sobre o fenómeno á vosa lista de libros que queredes ler.

Pero a novela non só debe ser lida como unha curiosidade histórica, senón tamén como unha maneira de descubrir a unha autora interesante, unha das mulleres autoras do Rexurdimento de Harlem.  Larsen publicou dúas novelas nos anos 20, uns cantos relatos curtos e despois desapareceu do mundillo literario. Hai quen pensou que se cadra ela tamén pasara, aínda que os biógrafos posteriores sinalaron que simplemente deixou a literatura para traballar como enfermeira.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *