A culpa de que as matemáticas non sexan cool é dos pais

matematicas

Un dos recordos de infancia de moitos hoxe adultos (e posiblemente unha das cousas que senten moitos nenos hoxe en día) é o da terrible sensación cando se achegaba a hora de matemáticas. Era un suplicio, ou iso teñen ben gardado na memoria, unha hora horrible na que facer cousas do máis aburridas. Eu lembro o ano terrible no que a titora da miña clase era a profesora de matemáticas e na que decidiu usar aquela hora misteriosa de titorías para que poñernos unha hora máis de problemas. Que fixeramos nós para merecer semellante castigo?, pensabamos daquela.

As matemáticas non son cool, ou iso é o que todos aprendemos nun momento ou outro, moitas veces sen parar a pensar moito sobre o tema. As pobres matemáticas chegan con ese halo do pouco desexado, do aborrecido, lastrando para sempre a nosa imaxe desa ciencia. Pero que é o que fixo que as matemáticas tiveran esa horrenda fama e que quedaran para sempre condenadas na lista das cousas que claramente non molan?

Pois, como acontece con tantas cousas no mundo moderno, temos (por primeira vez?) a resposta a esta pregunta. Unha empresa acaba de sacar a solución ao enigma vía enquisa masiva. O I Barómetro “El Aprendizaje de las Matemáticas en España” , elaborado por Smartick, investigou sobre a raíz do problema e sobre as causas que levaron aos nenos a non amar ás matemáticas.

E, segundo as conclusións do estudio, a culpa de que as matemáticas sexan tan pouco cool é, en gran parte, por culpa dos propios pais. Como apuntan na nota de prensa na que presentan as conclusións do estudio, “os pais teñen moito que ver con rexeitamento das matemáticas que mostran os seus fillos”. Os pais odiaban as matemáticas (un de cada tres recoñece que tivo problemas coa materia na súa época de estudante) e ese desencanto pasa aos fillos, como unha herdanza que cae de xeración en xeración. Os pais senten, ademais, que non poden axudar aos seus fillos nesa materia, o que reforza ese sentimento de rexeitamento.

O curioso é que, cando se vai ao abstracto, as matemáticas son ben valoradas. A maior parte dos pais sinala que as matemáticas son “un potente motor de mobilidade social” e que axudan a obter mellores traballos e ocupacións cando se logra avanzar neses estudios (xa sabedes, as letras só che valen para ser pobre…). O 61% dos pais españois asegura que as matemáticas son unha materia importante para o futuro dos fillos.

E, ademais, os pais tamén cren que se as matemáticas se ensinan ben poden conectar cos nenos. Un 55% asegura que calquera neno podería amar as matemáticas se os profesores (os bos profesores di o estudio) lles axudaran a comprender a materia.

Foto Snufkin/ Pexels

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *