Gadis vs Froiz: cal é o mellor súper online de Galicia?

imaxe random dun supermercado

Alá como polo comezo de hai dúas semanas (este é un comezo digno dun conto de fadas moderno…) pensei en facer a compra en Amazon e logo contalo nun artigo. Xa sabedes, un deses artigos de probamos que tanto facemos na prensa moderna e que sería neste caso unha maneira de sacar partido (aínda máis) a ese momento no que me fixen Premium. En realidade, confeso (e é unha desas declaracións que deberían ser entrecomilladas e empregadas por sempre xamais), a metade do tempo os xornalistas andamos a pensar en como lle podes sacar partido informativo ás cousas que fas. Non comprei en Amazon (Amazon, síntoo, pero o teu súper é un pouco pse) pero o ruxe-ruxe de usar a compra da semana non desapareceu. Porque ao fin e ao cabo unhas semanas antes fixera a compra no Froiz (online) e tras o intento fracasado de facela en Amazon acabei nas mans de Gadis (online). O titular apareceume como nunha iluminación, unha desas un pouco medio en risas medio en serio que unha conversación en Slack acabou por converter no que hoxe tedes diante.

Gadis e Froiz son os dous súpers en liza por varias razóns fundamentais (e non só porque sexan os dous nos que fixen a compra: por amor ao xornalismo de calidade, ese digno do Pulitzer, estaba disposta a facer a compra un mes máis nun supermercado diferente). A primeira é que son, do panorama xeral de supermercados, os que teñen un mellor servizo online. As súas webs son bastante prácticas e usables e ademais non son tan tremendamente caros no seu servizo a domicilio que fan que facer a compra online pareza unha cousa só digna de xeques cos petos a rebentar de petrodólares. Non hai máis que comparar as súas webs coas de, por exemplo, Mercadona, que é a web máis fea que pode un atopar.

super mercadona

A web do Mercadona e a proba de que é do pasado

Por outro lado, nalgúns supermercados online de nova creación limitan a cantidade de certos produtos que podes mercar. Falo de ti, Ulabox! Só podes mercar 18 litros de auga e de leite (eu entendín nas súas FAQ que ese é o total) se non queres que che poñan un recargo de 25 céntimos adicionais por litros. Se fas unha compra un pouco grande, pasar deses litros é bastante doado (e sinceramente – e como demostran os estudios que se están a facer sobre por que a xente fai a compra online – se un compra en internet estas cousas é para non ter que cargar con eses produtos, polo que non vas mercar un par de litros de leite). E ademais, a pesar desas promesas de somos tan incriblemente baratos que vas flipar que fan os supermercados 100% online, non teñen prezos moito mellores que os supermercados de sempre.

En definitiva, gañaron Froiz e Gadis porque eran os que permitían anular os gastos de envío ou reducilos a cifras que non foran os máis de 7 euros de competidores como Mercadona e porque os seus prezos son os que teñen en supermercado (físico). Os dous son os supermercados galegos por excelencia, así que parecían aínda máis perfectos para protagonizar esta pelexa de galos. Cal dos dous está mellor preparado para o boom do comercio electrónico?

Froiz

A primeira vez que fixen a compra online en Froiz foi, en realidade, moitos meses atrás. Estaba en pleno proceso de mudanza, precisaba que me trouxeran practicamente todo o que podes precisar nunha casa e decidín que o mellor era facer a compra por internet para poder escoller unha franxa de entrega que encaixase cos meus plans de mudanza. O gañador do proceso foi Froiz por unha cuestión, sobre todo, de boca a orella. Unha amiga fai sempre a compra online con eles e sempre ten boas palabras para o seu servizo. Decidín darlles unha oportunidade. Que me gustou entón deles? O mellor foi que puiden realmente escoller o momento exacto no que quería os meus produtos dun modo súper eficiente. O supermercado chamou ao día seguinte para confirmar a data e hora de entrega, por se cometera un erro (e iso foi un punto ao seu favor). Cando trouxeron a compra, sen embargo, a experiencia non foi tan positiva. O repartidor chegou medio enfadado porque a compra era inmensa e a miña zona de difícil acceso. E iso non mola nada. Tachei a Froiz da miña lista.

Que sucedeu na vez na que volvín a confiar neles e a que conta para esta competición? Comecemos cos puntos negativos. Froiz entrega a compra en bolsas de supermercado, o que fai que non sexa moi cómodo para o repartidor e enche a túa casa de bolsas variopintas (polo menos iso é o que pasa en Santiago, xa me dixeron que non é o que ocurre noutras cidades). Cando estas acostumada ás caixas hiperordenadas de Gadis, isto é un punto negativo (aínda que en fin… ninguén será xamais como Dia, que mete todo nun xigantesco container-con-bolsa que fai que cando cho deixen na casa recibas unha bolsa xigante na que todo, absolutamente todo, ven ao chou). A compra foi entregada na franxa horaria escollida, aínda que máis ben tirando cara o punto tardío da franxa. Tiven a sensación de que a miña zona de residencia (zona vella, horario de reparto limitado) foi un problema.

A compra, ademais, fixo unha longa viaxe. O Froiz que cubre a compra online é un Froiz que está na periferia de Santiago, o que fai que unha se pregunte por que a compra ten que percorrer 15 kilómetros cando hai un súper da cadea a 750 metros (asumimos que é por unha cuestión de loxística) que pode dar servizo a domicilio sen problemas nunha zona de reparto ‘conflitivo’.

Este son os puntos negativos, imos agora cos positivos. O mellor da compra do Froiz é a atención ao cliente en tenda. Esa mañá chamoume unha dependenta do súper, mentres facía a compra, para preguntar un par de cousas sobre os produtos que quería e sobre as opcións que me podía ofrecer para cubrir os que non había. O supermercado é moi flexible ao que ti queres e iso é un punto moi ao seu favor. Cando fas a compra, podes escoller as cantidades que queres de todos e cada un dos produtos frescos que teñen. Pouco importa que o que queiras sexa, pon por caso, 100 gramos de filetes de cerdo. Froiz deixa que pidas esa cantidade. A web é moi fácil de usar (pero nisto tamén coincide con Gadis) e os seus gastos de envío son bastante razoables (e non superiores ao que sucede en tenda). Ata os 50 euros pagas 4 euros de gastos de envío, ata 100 2 e despois cero. A información sobre o que terás que pagar é moi fácil de localizar (gracias Froiz!) e non hai que facer enxeñería inversa para atopala ou crear unha conta para poder sabelo.

E, ademais, podes pagar usando PayPal, o que para min é un punto moi ao seu favor.

Gadis

Sobre Gadis debería facer antes de comezar unha confesión: son moi fan de Gadis e é o meu súper favorito cando fago a compra en supermercados físicos (a pesar de que, confeso, os seus anuncios hai algún tempo que me saturaron). Son moi fan de que na caixa sempre che coloquen as cousas nas bolsas de forma tan eficiente que parece que pesan menos e de que nas súas seccións de frescos sempre che dean información e che respondan as dúbidas de forma tan efectiva e eficiente. Conseguiu ese amor de fan pasar do supermercado físico á tenda online?

Comecemos polo que non me gustou. Gadis non é tan flexible cos gastos de envío como Froiz. Só ten dúas opcións: ou gastas máis de 72 euros e tes a compra gratis ou terás que pagar 4,5 euros polo envío. A barreira entre os gastos de envío gratis e os de pago está máis baixa que en Froiz, certo, pero os 4,5 euros son unha barreira psicolóxica máis difícil de aceptar (sobre todo nun mundo no que os consumidores estamos máis acostumados que nunca a non pagar polos envíos do ecommerce e iso, en realidade, é algo que todos os supermercados deberían ter en conta).

Ese é un detalle, pero non o único. Creo que o que me fixo máis infeliz do Gadis online é o pouco flexibles que son coas cantidades de produto. Os produtos que se venden ao peso teñen cantidades mínimas, algo que descubrirás cando intentes engadir ao carriño cantidades inferiores de ese produto e o carriño simplemente acepte o mínimo que o sistema ten establecido. E vale, nalgúns produtos era de medio quilo ou 250 gramos, o que non é tan terrible, pero no peixe as cantidades comezaban en moitas ocasións no kilo, o que si é unha diferencia moi grande.

E, finalmente, deume a impresión de que as posibilidades para escoller cando queres que che entreguen o produto eran moito máis limitadas que no caso de Froiz. Non falo de franxas horarias, senón máis ben de inmediatez.

Pasemos agora aos puntos positivos. A navegación gustoume máis que a do Froiz e tamén que existan unha ampla variedade de produtos. O Gadis online é como o Gadis da rúa e isto é algo que tamén aplican a como che entregan o envío, algo do que son especialmente fan cando merco no súper de sempre. O pedido  chegou nas caixas de cartón nas que que Gadis mete os produtos e nas que os mete sempre con especial coidado. Nunca chegou nada esmagado nunha compra con reparto a domicilio feita en Gadis, algo que si me pasou noutros supermercados. Gadis foi super puntual (chegou incluso lixeiramente antes do que estaba previsto, se cadra porque o reparto xa coñecía os problemas que supón repartir na zona vella de Santiago e actuaron en base a iso).

O que non me quedou nada claro foi de onde chegaban os meus produtos. A factura (que me presentaron nun sobre!) ten un enderezo de Betanzos, pero ese é o enderezo de Gadis como empresa (viña a miña compra online dende Betanzos??, pensei). Preguntei ao servizo de prensa do súper (non podía deixar este enigma sen resolver) sobre a súa política en cuestións loxísticas: “atendemos desde distintas tendas físicas, e débese a unha decisión comercial o seleccionar un ou outro supermercado”, foi o que me explicaron. Logo fixeime nas etiquetas dos produtos ao peso que mercara e nas que, como ocorre cando mercas in situ, aparecía o enderezo da tenda (un dos Gadis do Ensanche). E máis tarde, buscando confirmación sobre a política de prezos mentres escribía o artigo, descubrín un apartado (non tan claramente identificable como algo asociado a iso) no que podes ver que supermercados da cadea son os que dan o servizo e os que se asocian a cada código postal.

Foto random dun supermercado | gratisography

Shares

1 comentario

  • Marcos di:

    Para min un fallo enorme do Gadisline é non ter todo o surtido do super (sobre todo en marcas brancas, supoño que por rendibilidade ou algo así), cousa que en Froiz non pasa para nada. Un aspecto un pouco raro pero que está ben saber é o servizo de recollida da compra na tenda, que no Froiz é gratuíta e penso que se pode escoller calquera das súas tendas. No Gadis supoño que tamén e creo que está limitada a só unhas tendas digamos “nodais” das cidades. Bo artigo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *