5 consellos para sobrevivir no tempo dos spoilers

Dexter matando

Spoiler: cando alguén revela un aspecto previamente descoñecido de algo que preferirías ter descuberto por ti mesmo.

O dicionario está pragado de anglicismos desde que a memoria alcanza, mais ningún chegou a el con tanta forza como os temidos spoilers. Sempre ameazantes, emboscados, agardando o momento para arruinarte ese capítulo de Dexter ou cando descobren a tal personaxe, todos, absolutamente todos, buscamos como evitalos. Por iso, desde Disquecool, queremos ofrecervos unha serie de consellos que fagan a vosa vida máis sinxela: 100% spoiler free.

1. Evita todas as redes sociais antes de ver o último capítulo: evidentemente todo o mundo comentará a serie do momento e, sobre todo, o final de tempada. A mellor forma de ver un novo capítulo sen que cho destripen anticipadamente e manter as redes sociais apagadas. Así que smartphone boca abaixo, Twitter e Facebook sen actualizar e dálle ao play.

Excepción: porén, como toda regra ten a súa excepción, hai que aclarar que esta norma só se debe cumprir no caso de ver unha serie que se esté emitindo no momento. Se queres ver The Wire (e deberías querer!) non é preciso que apartes as redes sociais xa que é máis complicado atopar spoilers… agás en Tumblr (consello 3).

2. Escolle ben a que xente segues en Twitter: un dos maiores danos que trae Twitter é seguir a moita xente á vez. Problema? Se se che ocorre comentar que estás vendo unha serie sempre pode aparecer o listo que che pregunte se chegaches a cando tal personaxe morre ou a cando tal outro revela o seu segredo. Escolle ben!! Nunca se che ocorra seguir aos actores, directores ou guionistas (no caso das series ianquis) se non queres recibir capturas de pantalla, fotos da rodaxe ou twitts que che spoileen a serie. E, por suposto, non sigas a xente que xa che spoileara unha vez: aínda que sexa a túa parella (consello 4), aínda que sexa un amigo (consello 5). A traición, aínda que haxa relación persoal, nunca se debe esquecer.

3. Nunca – uses – Tumblr: como? Unha das mellores redes sociais e niño da máis infinita e absurda procrastinación prohibida? Efectivamente. Pode semellar un consello un tanto absurdo mais tede en conta que a persoa que escribe este artigo usa Tumblr desde hai 5 anos e xa se spoileou series como Breaking Bad, True Detective, Game Of Thrones, etc. No caso de que xa sexas usuario ou queiras, aplica o consello 2: “escolle ben a quen segues”.

4. Busca unha parella que vexa as mesmas series que ti: si, pode que agora as raiolas de sol nos teñan a todos embobados e as frescas cervexas nubren a nosa vista pero admitámolo: nin este calor suave vai aguantar moito antes de converterse nun bochorno insoportable, nin este bo tempo vai aguantar antes de virar en choiva e vento, así que que mellor que un plan de sofá e series? Por iso, a escolla da parella é fundamental. Esquece que sexa guapa, simpática, lista, blablabla… o importante é: que series ve? Busca un que teña un rexistro de non visto / visto parecido a ti e así terás asegurada unha relación libre de spoilers e chea de boas sesións de series.

Excepción: se ti viches The Wire, consegue parella só como escusa para volver a ver a serie.

5. Coida o teu círculo de amizades: non, este non é un consello para evitar cabreos ou malentendidos entre colegas, este é un consello para evitar que che rebenten as series. A máxima é simple: nunca fagas o que non queiras que che fagan a ti. Nunca spoilees a un colega sobre unha serie que viches, nunca fales dunha serie que alguén do grupo de colegas non viu na súa presencia e, sobre todo, nunca colgues en Facebook ou Twitter spoilers. Por moito que o penses, incluso a mínima referencia, a letra desa canción que soaba ao final, esa frase que di a personaxe que parece fóra de contexto, todo pode spoilear a un inocente.

Porque é a miña responsabilidade, porque é a túa responsabilidade, porque é a responsabilidade de todos: nunca, nunca spoilees.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *