10 razóns para ir ao Play-Doc

e na terra nao e na lua

1. Porque Tui mola. Á beira do Miño, Portugal queda a un tiro de pedra. Nas mañás podeste achegar á Fortaleza de Valença a mercar e pola tarde estar de volta para os documentais (lembrade cambiar a hora ao cruzar a fronteira!). Ademais, a paisaxe impresionante e a tranquilidade que se respira é perfecta para desconectar do traballo, da vida e de todo.

2. Porque os tudenses molan máis aínda. Se Tui mola, os seus habitantes moito máis. O ambiente na vila é íntimo e familiar. Este pequeno recuncho á beira do río entrégase a un festival que enche de cine as rúas. Ademais, son fieis asistentes aos pases, así que ide rápido a coller sitio senon queredes quedar sen el!

3. Porque mola codearse coa farándula galega. Non hai nada máis cool que o famoseo. E o Play-Doc, xunto con Cans, é ideal para ver as caras máis recoñecibles do audiovisual galego e as que o serán no futuro sen zonas VIPs nin cousas polo estilo. Ademais, entre película e película sempre é doado enganchar algunha conversa interesante na que descubrir novos autores, novos filmes ou debatir sobre o visto.

4. Porque os documentais son xeniais. Non nos enganemos, un documental non é iso que botan en La 2 ás catro da tarde e que todo o mundo dorme. Son filmes que convidan a reflexionar, a idear novos conceptos, a enriquecer os que xa temos. E tamén a entreter, porque os documentais, por moito que nolos pinten así, non son aburridos! Ou senón botade un ollo á selección que houbo o ano pasado e citade un só que non fose interesante: tarefa imposible. Non podemos agardar ata ver os escollidos nesta décima edición.

5. Porque hai actividades paralelas ao festival. Non todo é cine no Play-Doc, tamén hai concertos e obradoiros. Para os máis festivos, o festival programa actuacións musicais fóra do horario das películas e ademais sempre están as cañas no ambigú do bar entre película e película. Para os que queiran mellorar os seus coñecementos sobre cinema, este ano o festival acolle o primeiro seminario de crítica de cine en colaboración con A Cuarta Parede e ao que nós asistiremos.

6. Porque se come ben! Porque os bocatas entre documental e documental saben a gloria, sempre que vaian acompañados dunha cervexa! Para os máis atrevidos, e como diciamos ao iniciar este texto, sempre están as Francesinhas portuguesas que poñen a proba o nivel de colesterol dos máis ousados.

7. Porque está organizado co corazón. Se algo se nota é cando un festival está organizado con ganas e cariño. O Play-Doc é un festival pequeno: si. E que? Precisamente o ambiente familiar é o que fai que sexa un dos mellores festivais… e en Galicia! Nin Berlinale, nin Sundance, nin nada: nós queremos Play-Doc!!

8. Porque é un dos mellores festivais do mundo. Nós xa sabiamos, antes de que os neoiorquinos o dixeran, que o Play-Doc era algo especial. E é que no sur de Galicia saben facer moi ben festivais irrepetibles. Unha vez máis hai que lembrar a Cans para, xunto co Play-Doc, nomear dúas citas imprescindibles para os cinéfilos con ganas de cine e troula.

9. Porque están de décimo aniversario!! O ano pasado prometeron unha tarta e nós xa agardamos por ela! Dez anos poñendo o corazón e a alma en levar este pequeno gran festival adiante…  e que sexan moitos máis, por favor! Animamos desde aquí á organización a seguir adiante cunha cita que, para nós, xa é imborrable na nosa axenda.

10. Porque, sexamos sinceros, é un festival caralludo, e por moito que poidamos louvar e gastar palabras falando do xenial que é hai que vivilo! Así que, non borredes isto da memoria: do 2-6 de abril, en Tui. E apurade, que as entradas logo voan!

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *