A nosa quiniela para os Oscar

De resaca despois de Globos de Ouro, Goyas, BAFTAs e demais toca prepararse para os Oscars. Nove películas optan este ano á mellor película e a moitos dos outros premios. Aproveitamos para facer un repaso a todo e facer unha pequena predición do resultado.

12 Years A Slave

Terceira longametraxe de Steve McQueen conta a historia dun home separado da súa familia e obrigado á escravitude. Para algúns excesivamente explícita nalgúns momentos, a película acada cotas emocionais que non están ao alcance de calquera realizador como a de ‘Roll Jordan Roll’. Ao meu parecer unha das favoritas para facerse co premio a mellor película, non só polo antes dito, senón tamén porque a escravitude sempre foi dos temas favoritos da Academia. Apostar tamén porque Michael Fassbender consiga a estatuína a mellor actor de reparto despois de facer un papel extraordinario.

American Hustle


Se a película de David O. Rusell encantoume xusto no momento post-visionado, co paso dos días foi perdendo o seu encanto. De factura xenial e cun ritmo difícil de igualar, a película crea un ambiente de thriller que te mantén pegado á pantalla. Tachada por moitos de pretenciosa, non a consideraría favorita aínda que o seu director é bastante querido pola Academia, non obstante as súas actrices parécenme as favoritas.

Capitan Philips

Con diferencia a película que máis preguiza me deu ver.Típica ianquilada na que os EUA sacan peito de patriotismo. Non obstante, quizais polas poucas expectativas, atopeime cun thriller moi entretido e bo. Tom Hanks facendo (coma sempre) un papelón, e un Barkhad Abdi que debería ter asegurado o salto á fama con esta película.

Dallas Buyers Club

Baseada nunha historia real, é, ao meu parecer, a mellor de todas as películas que se presentan nesta 84ª edición, un Matthew McConaughey in-cri-ble métese na pel e no corpo dun enfermo de SIDA dos anos 80. Un traballo que obrigou ao actor a baixar considerablemente de peso, así como ao seu compañeiro de pantalla Jared Leto, demostrando que sabe facer máis papeis que aqueles nos que estiveron estancados ata hai uns anos. Un McConaughey que non me sorprendería que lle quitase a tan prezada estatuíña a Leonardo DiCaprio e un Jared Leto que está en perfectas condicións de facer o mesmo con Fassbender.

Gravity

Destas películas que merece a pena ver no cine e pagar un pouco máis por ver en 3D. Uns efectos espectaculares e unha sensación que te empapa e te transporta ao espacio exterior. O malo, unha Sandra Bullock que parece non saber pechar a boca durante toda a película. Sinceramente, non entendo porque está nominada a mellor película.

Her

Amor. A mellor, a máis bonita. Fáltanme adxectivos para falar dunha película que me roubou o corazón. Non apta para melancólicos, a fermosa historia de amor entre un sistema operativo e un escritor de cartas debería levar o premio a guión sen dubidalo nin unha fracción de segundo. Debería tamén levar o de mellor película? Evidentemente, mais dubido que a Academia sexa o suficientemente cool como para facela gañadora. Pase o que pase, amor eterno a Spike Jonze!

Nebraska

Confeso, no momento no que escribo o primeiro borrador deste texto que non fun capaz de pasar do minuto trinta deste filme. Prometo volver a intentalo.

Segundo intento: despois de deixala á media hora, prometínme rematala. Vaia por diante que Alexander Payne non é santo do meu agrado e, como sospeitaba, esta última película súa tampouco o foi. O resultado de ver Nebraska foi unha loita co sono durante as case dúas horas de película. Non me malinterpreten, a historia e os actores son moi bos pero… non me convence. Non sei que me dá máis medo, se detestar a película da que todo o mundo fala ou coincidir con Carlos Boyero sobre a mesma. Probablemente o segundo.

Philomena

Un grandísimo chasco. Quizais foi a miña culpa ao quedar namorado só polo simple feito de ver a Judi Dench e Steve Coogan compartindo protagonismo, máis esta historia de roubo de nenos non me acabou de convencer. Maioritariamente polo estilo que lle dá o director, excesivamente xuvenil para un drama que require algo máis tradicional. Non apostaría nada por ela.

The Wolf Of Wall Street


Que podo dicir do mestre? Absolutamente nada novo. Scorsese na súa onda de facer películas que fiquen na retina do espectador por anos, e Leonardo DiCaprio reclamando un Oscar que merece, aínda que este ano (como xa dixen ao falar de Dallas Buyers Club) tampouco vaia ser posible. Tachada polos máis puristas de pornográfica, excesiva, absurda e longa, The Wolf Of Wall Street convertirase nun clásico do cine igual que a tamén rexeitada no momento Taxi Driver.

A miña predición:

Película: Dallas Buyers Club
Director: Martin Scorsese
Actor: Matthew McConaughy
Actriz: Amy Adams
Actor reparto: Michael Fassbender / Jared Leto (non son capaz de decidirme)
Actriz reparto: Jennifer Lawrence
Guión orixinal: Her
Guión adaptado: The Wolf Of Wall Street

E vós, estades de acordo comigo?

Shares

1 comentario

  • Dr. Chou di:

    Encantaríame que gañase Her, mais considero que non será o caso. De non selo, gustaríame que fose Nebraska (a min emocionoume, encantoume, e Bruce Dern… miña nai, Bruce Dern), pero tampouco será o caso.
    Non vin Dallas Buyers Club, así que non estou en condicións de valorala, pero só pido, suplico, prego, que unha peli á que lle sobran 90 minutos, hora e media da miña vida, excesos, absurdeces, imbecilidades varias, como The Wolf of Wall Street non pretenda insultar a ninguén levándose galardón algún.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará