Top 10 do 2013: series

A pequena pantalla xa non é a televisión (cada vez son máis grandes), senón o ordenador. É aí, despois de todo, onde vemos agora as series, sen ter que depender de horarios, dos malos tratos das canles televisivas, de contraprogramacións ou de que a serie que queremos ver non se emita no noso país. (Viva Internet!) E con isto de ter a un click e uns minutos de descarga moitas moitísimas series, somos xa todos expertos. Estas son as nosas 10 favoritas, pero vos invitamos a que compartades con nós tamén a vosa lista do mellor do ano. Estas son as mellores series de 2013, segundo Disquecool:

10. Hello Ladies. Posiblemente a comedia máis deprimente do ano (ou da década!). Steve Merchant é un inglés que ten “o seu propio negocio de éxito de deseño web” en Los Ángeles e que busca desesperadamente ligar e, sobre todo, namorar para non morir só. Unha comedia coa que non sabes se rir ou chorar ou simplemente darlles unha aperta aos personaxes e dicirlles que todo vai a saír ben.

9. Salgadura. Discriminación positiva? Non sei de que falas. Salgadura é unha miniserie, coprodución galego-catalá, que conta como empezou o negocio as conservas en Galicia. Sabemos que se a puidésemos ver en versión orixinal e non dobrada tería gañado moito.

8. Hannibal. Hai un actor que de súpeto está en todas partes. E non, non falamos de Benedict Sherlock Cumberbatch (que tamén), senón do danés Mads Mikkelsen. Non só fai cine, tamén é Hannibal Lecter nunha nova revisión do personaxe caníbal. En ‘Hannibal’ é aínda novo e traballa como psicólogo, axudando a un detective a atopar a un asasino en serie… que é el mesmo. A serie é fantástica, pero só apta para xente con bo estómago.

7. Mad Men. Temporada tras temporada, nós seguimos amando a ‘Mad Men’ por enriba de todas as cousas. Tras as dúbidas dos primeiros episodios, a serie volveu a ser o que era e abriu un camiño moi interesante para o ano que vén.

6. Masters of Sex. Era unha das estreas máis esperadas da temporada de outono, unha serie sobre William Masters e Virginia Johnson, os responsables do primeiro estudio científico sobre o sexo. Tivo momentos sublimes, aínda que o guión en moitas outrsa ocasións deixou bastante que desexar. Iso si, as actuacións de Michael Sheen, Lizzy Caplan e compañía son impecables.

5. House of Cards. Política, Kevin Spacey, Robin Penn-Wright, decisións frías, sangue aínda máis frío, vinganza e moita maldade. A primeira serie orixinal de Netflix foi toda unha sorpresa fantástica e cruel sobre como se moven os fíos da política nas altas esferas. Quedamos con ganas de máis.

4. Dates. Unha serie pequeniña, británica, estreada no verán. E unha das mellores series do ano. A premisa é sinxela: cada episodio segue unha cita a cegas entre dúas persoas que se coñeceron a través dunha web de citas. Xa vos avisamos no momento, volvémolo a facer: engancha.

3. The Americans. Felicity é espía? Xa, claro. Isto é o primeiro que pensamos ao saber que habería unha serie sobre dos espías soviéticos que se fan pasar por americanos en Estados Unidos, que Keri Russell nunca estaría á altura. Pero Felicity desapareceu por completo aos dous primeiros golpes e xa quedamos namorados da serie para sempre.

2. Orange is the New Black. Outra serie de Netflix, outra serie estreada no verán como ‘Dates’ e ‘Hannibal’, e outra desas agradables sorpresas. Da mesma creadora de ‘Weeds’ (a serie da nai que vendía marihuana), chega este drama (ou é comedia?) centrado nunha prisión de mulleres.

1. Breaking Bad. Por suposto. Pouco hai que dicir que non saibades de Walter White e dese final que tiña que chegar.

Cales son as vosas mellores series do ano?

Shares

4 comentarios

  • carlos di:

    pois que non sirva de precedente que nestes temas eu son moito de discutir mais… estou moi moi de acordo co voso listado ( algunha delas teñoa na lista de series “futuribles”) … :) :) :)

  • Beiña di:

    Hai algunha que non vin que teño pendente. Eu incluiría The Good Wife que está en moi boa forma, disfruto cada minuto dela.

    Gústame ver ahí a Mad Men que hai xente que di que perdeu moito, eu sigo pensando que é unha marabilla e este ano tivo unha moi boa tempada.

    E Dates é unha serie moi especial, a gran revelación do ano para min (ainda que tamén me sorprenderon para ben Orange is the New Black, Orphan Black e Masters of Sex).

  • Leti di:

    Eu atopei unha delicia gracias a unha das miñas compañeiras de piso: The newsroom. Penso que, pese a algúns altibaixos no seu argumento, é magnífica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *