Nymphomaniac: por que, Lars? por que?

NymphomaniacOs días de choiva son os mellores sen dúbida para achegarse ao cinema. As rúas molladas invitan a ir cara unha desas salas onde gastar unhas horas da túa vida absorto nas historias que o celuloide nos brinda. Así, achegueime ao Cine Dúplex, único cine que sobrevive en Ferrol, co propósito de ver ‘Nymphomaniac’. A polémica película de Lars Von Trier semellaba o mellor plan para esta anódina tarde: craso error.

Aviso para os lectores: o que vén a partir de agora é unha reflexión absolutamente persoal dun fan de Lars Von Trier sobre a película. Pode conter spoilers así como grandes doses de mala hostia.

Por que? Esa é a primeira pregunta que me xurde na cabeza despois de saír de dúas horas nas que tiven que loitar por estar esperto. ‘Dancer In The Dark’, ‘The Kingdom’, ‘Melancholia’… sobran razóns para dicir que Lars Von Trier é un xenial director… cando quere. Non podo ter outra sensación que a de ter tragado unha bazofia de dúas horas de duración absolutamente baleira. Sorpréndeme que o polémico e sempre testalán director danés teña sucumbido a esa arte que é vender fume. Coma un parvo piquei no circo que se montou na prensa sobre que se a súa actriz non quixo facer tales escenas, que se esta versión en dúas partes está cribada para evitar o corte X, etc. Aos poucos minutos da película, a personaxe de Charlotte Gainsbourg mira (case) á cámara e di “Estaste aburrindo?”. Gustaríame regresar a eses minutos iniciais e ter a opción de ter entendido aquela revelación: con sorte poderíame ter cambiado á outra sala na que programaban ‘Le Weekend’.

Despois de atopala inconsciente nunha rúa, Seligman (Stellan Skarsgård) acolle a Joe (Charlotte Gainsbourg) no seu fogar e pregúntalle que lle aconteceu. Aquí comeza unha especie de confesionario no que, Seligman, escoitará todos os pecados da ninfómana. Mentres ela conta as súas aventuras sexuais, o improvisado párroco fala de pesca, Bach e outras cousas. E é que a coherencia entre as dúas personaxes é absolutamente absurda: mentres unha fala de como perdeu a virxindade cun rapaz, el busca símiles coa pesca. Un sen sentido algún que se alonga durante a metraxe ata a fin.

Metraxe, por certo, cortada e montada por unha persoa carente de habilidades para tal labor. Os saltos de raccord asustan ata o punto de que provocan a risa. Queda para a curiosidade de cada quen adiviñar se iso é cuestión da remontaxe feita da versión porno da película ou se é pura ignorancia do montador. Un servidor nin sequera se vai molestar en buscalo.

Por que? Vólvome a preguntar despois de desafogar parte da miña rabia acumulada durante toda a película. E é que paréceme inconcibible este exercicio de fume e nada que estreará a súa segunda parte nos vindeiros días. Sobra dicir que non penso picar de novo e que quedará para outros a labor de descubrir se Charlotte Gainsbourg sae realmente nalgunha escena desas que “se negou a rodar”, xa que a súa presencia nesta primeira parte redúcese a confesarse ante este párroco afeccionado á pesca e Bach. Construída en torno a capítulos, como é habitual neste cine, a primeira parte de ‘Nymphomaniac’ repasa os inicios desta adicta ao sexo con pequenas doses moralizantes e con, incluso!, un diálogo no que o director volve a sacar á palestra a súa polémica de Cannes.

Lanzade as moedas a unha fonte e desexade que Lars Von Trier faga unha película boa para a próxima vez, porque gastar os cartos nunha entrada para ‘Nymphomaniac’ será totalmente inútil.

Shares

5 comentarios

  • Lourdes di:

    Se xa tiña poucas ganas de vela, con esta crítica creo que vou reinvertir os cartos da entrada…

    Ben sei que cada un percibe o cine de diferente maneira, pero parece bastante obxectivo que non hai por onde collela.

  • diana di:

    Vaia, tiña ganas de vela, pero non atopei ninguén que falara ben dela aínda!

  • xoscar di:

    As duas únicas veces que sain duha proxección nunha sala foron, as duas, con películas deste experto en tomaduras de pelo…

  • Belu di:

    Para min o principal erro foi cortala en dúas. Non me entusiasmou especialmente, pero esta película foi concebida para ver dun tirón, e aínda que longa, prefería eso a que ma cortaran á mitade. Persoalmente, esperarei a ver a segunda para emitir unha opinión fundamentada.

  • carlos di:

    Teño que dicir que me deixei enganar onte por dous amigos para ir ver a II parte da pelicula, ainda que non vira a primeira.
    Un sen fin de escenas de sexo nas que parece que o unico obxectivo é ser politicamente incorrecto….En fin unha pelicula que non pasara a historia como un clásico…

    ps: os meus colegas comentaronme que lles gustara mais a 1º parte… asi que imaxinade a bazofia da segunda

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará