TEDxGalicia 2013: a importancia das expectativas

tedxgaliciaOnte vin unha charla en TED.com. Era a do psicólogo Barry Schwartz chamada “A paradoxa da elección”, na que contaba como ter demasiadas opcións á hora de tomar unha decisión leva irremediablemente á infelicidade. Hai moito onde escoller, polo que ao elixir esperamos ter collido o mellor. As nosas expectativas aumentan e… ao final quedamos insatisfeitos. Seguro que había algo mellor aí fóra. Lembrei entón, non polo das opcións, senón polo das expectativas, que iso é o que pasou o venres pasado no TEDxGalicia que se celebrou en Pontevedra. Pregunta antes de entrar á xente que espera e podes adiviñar cal será a súa opinión ao saír.

Eu tiña medo. Levaba varias semanas enganchada á web de TED e dicindo “teño que parar, senón a comparación será demasiado inxusta”. As miñas expectativas para o TEDxGalicia, quizais porque para min era o primeiro e porque non falara nunca con ninguén que tivese ido aos outros, eran prácticamente inexistentes. E de 12 poñentes, catro viñan do mundo do márketing! Vendefumes! -pensaba. Entón Roberto Pérez saíu ao escenario, contou que deberiamos deixar de perder o tempo frustrándonos con cousas que non se nos dan ben e desfrutar dos nosos ilímites, e pensei que a cousa quizais non ía a estar tan mal.

A primeira parte, antes do descanso, tivo bastante boa calidade, con intervencións moi interesantes e inspiradoras (que é o que buscamos todos, inspiración). Miguel Conde, de BAP&Conde, presentounos o concepto do know-cost (o low cost é o mal!), intentar facer un consumo responsabe porque non ten sentido votar pola defensa dos dereitos laborais e o avance nos dereitos sociais cada catro anos e polo contrario cando mercamos algo cada día; José Manuel Dopazo levou a gran ovación da tarde falando sobre educación e como todos deberíamos implicarnos máis (porque é posible); Víctor Salgado contou por que a democracia directa si é posibe; e o Mago Román falou de criptoloxía de forma que todos o entendemos. O de Gonzalo Garré foi algo peor na miña visión (e doutra xente coa que falei), porque si, detrás das redes sociais están as persoas e iso é o importante, pero a estas alturas é un discurso algo tópico e típico e sen demasiado fondo.

A segunda parte foi algo máis irregular. Poucos entendemos o “conto con mensaxe” de Sandra Prieto e a súa estraña cadencia ao falar, que se lle pegou ao arquitecto Carlos Graña, que falou dun tema moi interesante, a arquitectura ao servizo do home, pero dunha forma algo forzada. A intervención de Pablo Herreros estivo tamén moi ben, algo empañada iso si pola autopromoción constante e esas fotos con Eduard Punset e Jane Goodall (como para probar que de verdade son colegas), pero coa bonita mensaxe de que os seres humanos somos bos e que cooperar para un ben común é o que nos fixo evolucionar. A nota musical puxérona Subrosa e Jorge del Oro, coa apaixonante historia de como construíu un chelo dos que se usaban nas primeiras gravacións de gramófono (mágoa que ninguén o tocase para nós en directo), e ao final foi Frankie Gómez quen pechou o TEDxGalicia 2013 cunha divertida intervención sobre emprendedores na que a startup é unha vaca.

Críticas? Moitas. Desde a desorganización (houbo retrasos, fallos de son e na pantalla, etc.), ata o cátering (algo cutre), pasando por algúns momentos que sobraban, como todo o que ía entre poñente e poñente (porque se total non os van presentar realmente, para que necesitabamos esas interrupcións humorísticas?), pero xa vos dixen que eu ía sen expectativas, así que saín satisfeita. Cando falei con outra xente que chegaba esperando algo máis próximo ás TED americanas, a súa visión era totalmente distinta. Que pouco innovador, que pouca calidade, que cutre era todo un pouco. Pero TEDx é como TED, é sobre ideas. E diso houbo bastante e para todos os gustos.

Foto | @marcusfernandez

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *