“E agora todos temos que quedar en silencio”.
O silencio era importante onte, nunha das salas do Museo Eugenio Granell de Compostela, porque o que se intentaba facer era, paradoxalmente, capturar son. Como se estivésemos xogando cunha gravadora (quen o non fixo a primeira vez que lle deixaron un aparato para gravar voz?) pero a unha escala moito maior que as dos xogos de infancia: o recipiente que ía capturar esa voz era un magnetófono inventado en 1939 en Galicia polos irmáns Portela Seijo. Un aparato ao que unha vez pretendeu a daquela xigante Philips e que permaneceu medio agochado na historia da innovación galega. Ata agora. O magnetófono dos irmáns Portela Seijo, Juan e José, acaba de ‘resaír’ á luz e permite recuperar a historia dos seus inventores.
Os irmáns naceran pola década dos Dez do século XX en Arzúa, aínda que acabaron en Santiago de Compostela cando morreu o seu pai e é aí onde acabarán establecendo o seu traballo innovador. “O magnetófono foi unha revolución no seu día, xa que non existía un xeito de reproducir sons con esta fiabilidade”, explicaba Xes Chapela, un dos responsables de Exploradores, un proxecto multidisciplinar, que combina arte sonora, divulgación e historia e que é o que está detrás da recuperación do magnetófono dos Portela Seijo. Os primeiros magnetófonos populares apareceron na década dos 30. O dos Portela Seijo diferenciábase en que empregaba fíos de aceiro de 0,1 milímetros como soporte para as gravacións de voz e (a perspectiva que da o paso do tempo permite afirmalo) que estaba moi adiantado nalgunhas funcionalidades á súa época. Como explicaba Toño Cabanelas, o outro responsable de Experiencias, era “ultramoderno” xa que permitía borrar e regravar sobre os fíos de aceiro xa empregados.
Por suposto, un dispositivo con esas características nos anos 40 era unha auténtica xoia. Podemos ler nun xornal da época (de onde sae a foto de José Portela Seijo que ilustra este artigo) que era un “invento de gran utilidade” e que agardaban unha “gran produción nunha industria que quizais teña a ubicación en Compostela”.
Semellante invento chamou a atención como diciamos de Philips, pero a patente non foi vendida. “Non quixeron vender a Philips porque querían fabricalo aquí”, contábanos Toño Cabanelas xusto despois da charla, “pero a cousa foi menos produtiva do esperado”. A pesar de que a idea era que o dispositivo fose barato, xa que José Portela Seijo “quería facer un produto para todo o mundo”, algo así non estaba ao alcance de todo o mundo (e máis se pensamos na Galicia da posguerra). “Chegaron a facer 20”, dinos Cabanelas. “Vendéronse, pero non sabemos se queda algún máis que este”.
O supervivente chegou ao presente grazas a Yago Portela, o fillo de Juan, quen o mantivo en perfectas condicións e que axudou a que todos coñecésemos un pouco máis a José Portela durante o evento. “O meu tío Pepe era un xenio”, dixo, “un sabio nas nubes, un profesor chiflado”, e lembrou como os seus alumnos fumaban os seus cigarros durante a clase xa que el os prendía e logo esquecía onde os deixara. “O seu problema eran os accidentes e a velocidade”, confesounos, apuntando que durante anos traballou para encontrar solucións aos accidentes (sobre todo despois de que un accidente de tren na Escravitude o deixara fortemente impresionado) de tren e de automóbil. “A súa obsesión era sempre inventar”, dixo Yago Portela, tanto é así que cando el era un neno o seu tío construíu unha televisión dende cero, incluso antes de que Televisión Española tivese sinal. Por cousa dos milagres das ondas, durante dez segundos o televisor de José Portela conseguiu captar unha retransmisión italiana do Giro.
Exploradores
A visita ao pasado non estaría completa se non se incorporasen os sons de 1940. Por unha marabillosa casualidade, a conservación do magnetófono estivo acompañada polos fíos de aceiro que lle servían de ‘memoria’. Os responsables de Experiencias empezaron xa a escoitalas, aínda que non puideron facelo aínda con todas. Chegar a poñer en marcha o aparello levou o seu tempo. “Nin sequera Yago sabía como funcionaba”, apunta Xes Chapela. “Non había instrucións de uso”. Por facer, cóntanos Toño Cabanelas, tiveron que atopar como volver a enchufar á corrente eléctrica o dispositivo (por suposto, os enchufes de 1940 non eran como os de 2013). Puideron comezar a escoitar, por tanto, os contidos recuperados hai dous días. Polo momento atoparon discursos e unhas badaladas (que todos os presentes onte puidemos tamén escoitar) que todo apunta son as da catedral de Compostela.
Exploradores, a acción artística na que se recuperou o aparato, non é só esta charla na Fundación Granell. Cabanelas e Chapela queren dixitalizar os contidos recuperados e subilos a internet. Pero non quedarán como elementos nun museo. Eles farán interpretacións sobre eses sons (vimos a primeira onte pola tarde) e invitarán a que calquera poda facer outro tanto. Os sons que os Portela Seijo captaron hai sete décadas viaxarán, do xeito máis literal, ata o futuro.