Como África vai salvar do frío a Noruega doando radiadores

Un día, un caritativo africano tivo unha idea brillante. Por que África, que tiña tanto sol, tanta calor, non lle ía axudar á pobre Noruega, que morre co frío, recolectando radiadores para mandalos nunha viaxe humanitaria de salvamento? Chegou o momento de cambiar as tornas, de facer algo polos que antes os tiñan axudado, por ser eles tamén solidarios. Así comezou a campaña Africa for Norway, que está recuperando de todo o continente radiadores que ninguén quere para mandarllos aos mortos co frío noruegués. Calquera pode ser igual que os solidarios africanos e doar un radiador que xa non use. Para animarnos a todos a ser solidarios e xuntar bos radiadores para eses pobres habitantes da xélida Noruega, unha chea de artistas africanos de primeira liña fixeron un moi emotivo vídeo cunha canción que che toca dentro e que empuxa a colaborar.

A historia, por suposto, non é de verdade. Detrás de todo isto está unha campaña mestra de marketing viral para facer chegar o mensaxe dunha ONG de Noruega que intenta cambiar a relación norte-sur e que chega no momento máis adecuado. “Imaxina que cada persoa en África ve o vídeo de Africa for Norway e que esa é a única información que terán para sempre sobre Noruega. Que ían pensar sobre Noruega?”, invitan a reflexionar os responsables do proxecto dende a súa web oficial.

Agora que chega o Nadal, as televisións e os medios de comunicación en liñas xerais comezarán cos lacrimóxenos maratóns de axuda, nos que se pasarán ata o infinito imaxes de África que contarán con nenos morrendo coa fame, enfermos de sida en estado moi grave e estampas de pobreza e máis pobreza. Dende SAIH – The Norwegian Students’ and Academics’ International Assistance Fund, a ONG que lanzou a campaña, non negan que estas imaxes sexan reais, só queren lembrar que África é algo máis que nenos que morren de fama e emerxencias humanitarias. “Temos que cambiar as explicacións simplistas do que acontece en África”, invitan.

Coa campaña (que xa supera amplamente o millón de reproducións en YouTube e que ademais está sendo analizada e comentada en practicamente todos os grandes medios online en lingua inglesa, o que é clave para que un viral sexa viral) intentan chamar a atención sobre esa realidade e apuntalar unhas cantas ideas. Defenden que para conseguir fondos non hai que empregar sempre os mesmos estereotipos, que hai que educar mellor sobre o que é África, que os medios de comunicación deberían mostrar máis respecto e que a axuda debería responder a necesidades reais e non ás boas intencións dos doantes. Para iso válense dos tópicos do que en inglés xa se chama ‘poverty-porn’: a música emotiva, o nome do organismo que está detrás desta campaña de recollida de radiadores (a ONG africana Radi-Aid) e por suposto todos eses cantantes que lembran un pouco a alguén.

Foto | Africa for Norway

Shares

1 comentario

  • vanessa di:

    Precioso¡¡¡¡ Es verdad tenemos mucho que aprender del tercer mundo, sobre todo que son felices con poco. Es de risa llamarse tercer mundo nosotros acaso somos mejores? Aqui tambien hay familias necesitadas. Hoy en dia la necesidad esta en cualquier lugar.
    Es hora de cambiar la version que nos venden….las ONGS . Felicidades!!! por vuestar vision Disquecool

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *