A Costa Azul: a dolce vita francesa

A Costa Azul vén sendo un dos principais destinos turísticos desde finais do século XIX, e un compréndeo ben: clima temperado, preciosas paisaxes, chic francés e un mar tranquilo para barcas e iates. Os ricos de entón querían o mesmo ca os ricos de agora: darse á boa vida.

Por suposto, o feito de que un sitio sexa adorable condénao a deixar de selo (malditos sexamos nós, os turistas), e para atopar verdadeiro charme hai que rañar un pouco na superficie. Ao fin e ao cabo, a Costa Azul parécese un pouco a Benidorm e un pouco a Marbella. Pero só un pouco.

A primeira recomendación para gozar da Costa Azul é renunciar aos meses de xullo e agosto. Si, terás a oportunidade de fotografar a Kate Middleton en topless, pero tamén te enfrontarás a caravanas interminables, unha subida dos prezos en hoteis e restaurantes que te deixa claro que ti non pertences a ese mundo, praias masificadas e unha calor que non se compensa chapoteando nunha beira demasiado rochosa.

Iso si, en calquera outro mes, trátase dunha viaxe que paga moito a pena. Por que? Por polo menos cinco razóns:

1. As mellores vistas

Entre Italia e Niza esténdense os Alpes Marítimos, enormes montañas verdes que emerxen xusto a carón do mar. As montañas están salpicadas de pequenas aldeas marítimas, e de estradas serpeantes polas que é fácil perder a vida despistándose coa paisaxe. De feito, unha das carreteiras máis impresionantes é a Grande Corniche, onde Hitchcock rodou ‘Atrapa a un ladrón’ e onde anos mais tarde Grace Kelly morrería nun accidente.

2. Vilas con encanto

Antibes, Eze, ou mesmo Cannes… a costa francesa está chea de vilas de conto, con rúelas peonís, portos repletos de barcas, casiñas de arquitectura homoxénea en cores outonais, e algunha edificación importante no alto. As tendas de produtos artesanais autóctonos e de terribles souvenirs non restan un ápice de encanto. Un sente que está nunha aldea construída como deus manda, co bo gusto.

3. Glamour

Hai algo de pracer morboso en percorrer, mirando para ambos lados, esa estreita liña que separa o kitsch do elegante, o home bronceado do descapotable branco, os preciosos barcos con cuberta de madeira, o paseo das estrelas de Cannes, as tendas de luxo (e xente entrando nelas!), ou as mansións de soño. Un atisbo a outros mundos, na liña de ‘Vaia casas’.

4. Aura vintage

A zona da Costa Azul, como toda Francia, está chea de historia. Pero neste submundo apracible e luxoso, faise aínda máis salientable. Un pode imaxinar a Picasso ou Scott Fitzgerald co seu traxe deportivo, bebendo cócteles nas terrazas, e son moitos os museos dispersos de estudios de artistas que satisfarán o noso eu voyeur: Matisse, Renoir, Picasso… Ademais de aos anos 20 (con fantásticos carteis modernistas anunciando os destinos turísticos) tamén é fácil retrotraerse aos anos 60: cadeiras de praia, mulleres louras en bikini tirándose ao mar desde o barco e moita diversión, si, houbo un tempo de felicidade e inocencia.

5. Niza

Niza

Niza é unha cidade de ritmo mediterráneo cun encanto innegable, e onde atopamos desde balnearios e praias ata museos e bares. A Vieux Nice (o casco antigo) mantense -case- inmutable desde o século XVIII e as rúelas estreitas, que esconden pequenos tesouros barrocos, edificios de terracota e mercados de flores, alimentos ou antigüidades, destilan vitalidade. Para un toque mais de relax, paseo pola Promenade dos Anglais á tardiña, coas palmeiras e os edificios art decó ben pintorescos á luz laranxa do anoitecer.

 

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *