Emilio José: “O que me irrita da vida é que non hai tempo”

Emilio José

Emilio José: Vin onte unha película coreana. A protagonista é incrible.

EU: É a rapaza máis guapa ….?

EJ: (Interrompe) De Corea

Así empezou a conversa con Emilio José xa hai algo de tempo. Refírome á conversa gravada, porque antes xa houbera varias horas para coñecer con Emilio José os currunchos que aparecen nas letras das súas cancións, coma as Pozas, unha desas “praias” do interior de Ourense. Emilio fala de como ve el a historia e a vida política e non escatima en retranca ou ironía ourensá. Iso si, celoso da súa intimidade musical, garda os seus segredos sobre as novas cancións que verán a luz en pouco tempo. Para mostra, esta peculiar e longa entrevista que remata dunha forma tamén peculiar. Eu chegara a Quins, e xusto detrás do cartel onde mo indicaba, xa estaba Emilio José.

– Despois de falar dúas horas de Quins… que ten que coñecer a xente?

– Pero falar de que?

– De todo, da aldea… podes contar algo que sexa relevante….

– Esa é a forma de pensar dos xornalistas, pero non da xente común…

– E como pensa a xente común?

–  A xente común… É como calquera outro, eu non coñezo exhaustivamente todos os concellos da provincia – futuro Estado – de Ourense, moito menos do país veciño, Galicia. Non coñezo todos os concellos e todas as situacións, pero este é un sitio normal, ten os seus lugares. É un sitio do rural que está morrendo, está morrendo como en todos os sitios.

– Como vai ser un futuro Estado de Ourense se está morrendo?

– Pois precisamente, porque está morrendo. Morre seguindo como agora, non se fai un Estado de Ourense porque se queira facer unha aristocracia que substitúa á de agora, porque ao final a terra é igual aquí, que terra é en Shanghai. Non é que vaia a haber un Ourense Estado, pero a min persoalmente paréceme a saída máis racional e viable. Dependendo de Santiago isto morre, de Madrid…

– Entón nada de fusión de concellos? Se Galicia fose unha nación-Estado, Santiago sería centralista…

– Santiago xa o é agora. Co diñeiro que lle pagan a Lavacolla, a Ryanair, acábase coa pobreza en Ghana.

[sen mediar pregunta e despois de disertar sobre as ‘low cost’] Santiago é unha aldea, se non tivera catedral, A Estrada sería Santiago. A universidade tena gracias á catedral. Santiago débelle todo a Santiago. O que os nacionalistas galegos conseguen ao final é reivindicar o catolicismo.

– O rural ten que ter os servizos das cidades?

– Non, con iso tampouco estou dacordo, o rural ten que ter os servizos do rural, isto non é uns servizos mínimos nin máximos, senón os servizos máximos en cada momento.

Que sería o imprescindible en Quins?

– NON O SEI. Todo, non hai nada.

– Que che falta?

– Que falta? Todo, xente, todo, a xente falta, que é fundamental, non hai un quiosco, non hai onde empezar…

– E que se pode facer para atraer xente?

– Un estado de Ourense

– Ti lánzalo e esperas que alguén faga algo?

– Non esperarás que mañá che diga: “Mira Bea vente que ya hicimos el estado”. Porque cando os nacionalistas galegos levan dende o 36 querendo facer un estado e aí os tes… Non esperarás que agora eu… Non son un caudillo, non é lanzar…

– O teu legado é dicir que fai falta un estado de Ourense?

– O meu legado? Eu estou vivo aínda, podo morrer dentro de cinco minutos, espero que non, dáme tempo…

– É algo que estás madurando?

– NON SEI, madurar… (risas)

Emilio José

FALANDO DE HISTORIA

– Cando escribes temas, escribes historia?

– Eu non escribo temas, eu fago cancións.

– Pois cando fas unha canción…

– NON soporto a palabra ‘tema’, canción é moito máis bonito: “Aquí os presento mi nueva canción”.

– E cando escribes unha nova canción, estás escribindo unha historia?

– Tema é moito dos 40 Principales. A min canción sóame máis agradable. Tema é algo máis: “chorbo, que tema!”

– Temazo?

– Non, temazo mola…. Tema é como “proyecto”, ódioo.

– Igual é perigoso preguntarche por un disco, porque pode ser un mp3….

– Pero pode máis alá de que provoque pracer, negativo ou positivo. A min o que máis me interesa da música é que pode ser o que queres, iso en contraste coa historia, sobre todo como pretenden que sexa a historia, ao final a historia é como facer música.

– E facer música é facer historia tamén.

– En absoluto. Eu conto o que penso, o que vivín eu. Un historiador comproba as fontes. Vexo unha loucura converter un libro de historia nunha materia. “En el año 1492 se descubrió América”. Vale, guay, pero que, non é nada ao final….

– Servirá para xogar ao Trivial…

– Digo para que sexa práctico. Os bastonciños son útiles para quitar a cera dos oídos. Se todo se entendese dende o sentido impráctico, estou seguro de que sería todo moito máis práctico.

* * *

Sobre as disertacións da historia e o que é, enganchamos de novo aquí a conversa…

– Escoitas unha canción de Lady Gaga, metes a unha chavalita cantando, “este sonido es el que mola”. Podes gañar moito diñeiro, pero é unha aberración, tal e como entendo a radio. “É que buah! Esto no me suena”. Coa historia pasa o mesmo…

– O que queres dicir, se non me perdín, é que hai convencións? Esta é a música que tes que escoitar, esta é a historia que tes que saber…

– Non, non. A ti ninguén che di, ti falo, o problema é que se fai. Pero ese é o rollo, tes que vivir, un narcotraficante ten que vivir, Urdangarín ten que vivir…

– Ti defendes o que supostamente fixo Urdangarín?

– Absolutamente, claro.

– Cres que a Familia Real fai mal tratando de sacalo do seu contorno?

– Claro! Home, é que a Familia Real se rompe. Se os xefes de estado se rompen… “esto es el acabóse”. Quere o PP, Feijóo, poñer as separacións de bens por defecto, se iso o din os de esquerdas, estaban día e noite dicindo que se quere acabar coa familia. Nunha comunidade cristiana (que a súa capital está por un santo que ademais tivo unha viaxe moi dura e chegou aquí), que un partido conservador queira poñer a separacións de bens por defecto é unha loucura. Non sei se é máis loucura iso ou que o PP sexa máis comunista que o PSOE.

– Teño unha pregunta case de si ou non. Quería saber se o teu sarcasmo son verdades que a ninguén lle gusta escoitar…

– Non me gusta o termo “verdades”. Eh…. (silencio) Refíreste a algo en concreto?

– Empregas unha forma de falar que moita xente podería pensar que non falas en serio, pero en realidade igual falas moito máis en serio ca outra xente…

– De feito tenme pasado que … (risas) Perdoa? (calado) Pero é que non me gusta o termo ‘verdades’, o teu punto de vista non é a miña verdade, é o meu punto de vista. Digo o que digo.. e non sei…

– Gústache provocar?

– Como provocar?

– Provocar polémica, ou provocar a secas…

(20 segundos de silencio…)

A min gústame que en calquera cousa que faga, gústame que sexa algo. E ese algo, cando lle chega á xente, non fago as cousas para min, non as publicaría, non co afán de provocar nin nada, só… non sei, para provocar como…? Non, non…

– Cando tuiteas algo? Informar? Provocar?

– Informar… “Dios me libre!” A min o que me gusta é rir, non facer nada que provoque cousas escuras, estar ben. Non ten nada que ver co ‘buenrollismo’. De feito, o problema é o de antes, o problema de que haxa crise é que se toman as cousas… A vida segue, non ten por que tomarse en serio. É coma o do emprego, é algo que me fascina, vale, dalgunha maneira hai que ter diñeiro e gañarse a vida e todo iso, pero ao final, se viñeches á vida estando en Citroën apretando “tornillos” porque tes que ter diñeiro para pagar un piso e todo iso, é que algo falla, o que sexa!

– Pero alguén ten que poñer os “tornillos”… dá igual.

– …

– Hai vida máis alá dos “tornillos”?

– Estou buscando unha frase… O que quero dicir é que ao final, igual que a arte, a arte final – eu non creo na separación ciencias y letras, entrando no xogo de que non é o mesmo- é moito máis seria que a ciencia. A risa é moito máis seria que a seriedade. O que se fai é converter todo o serio só por ter beneficio. Iso non é bo, non é bo para a xente que o s0fre nin para o beneficio, que todo sexa serio, non é bo.

– Creo que xa che entendín.

– Que pasa, queres aforrar cinta?

– É gratis.

Emilio segue co seu discurso ao respecto.

– En España, que hai emprendedores. Monta unha empresa, estás tola? É todo moi serio…

– Ti non te consideras un emprendedor?

– Eu non me considero nada. Eu cando falo de empresarios, montar unha empresa de reparto de non sei que. “Estudia y haz una oposición”. É todo como moi serio e iso afoga todo. Todo isto vén da escola. O sistema educativo, ese é outro rollo… Hai que estudar, na escola hai que prepararse para ter un bo futuro… Por un lado non pode haber dous presidentes do goberno, nin 100 bancos Santander, hai un só de cada dous ou tres, e por outro lado, vólvese tan serio o estudar que ao final acaba sendo nada, todo o que acaba sendo, desaparece. E o sistema educativo, en vez de fomentar a alegría na escola “chicos vamos a tener una vida próspera” non, o rollo é “en que año se descubrió América”.

(…)

– Eu non digo que predique co exemplo, eu non son ningún moralista, unha cousa son as cancións e outra son eu.

– Pero as cancións tamén saen de ti, as cancións sempre reflicten como es ti.

– Pero as cancións son cancións…

Emilio José

* * *

Escoitamos a Rajoy de fondo no informativo que están botando no televisor do bar escollido para a ocasión, fala da débeda, dos recursos…

– Que che parece Rajoy?

– Muy guapo (con risa) Que Rajoy… (pensa) é o arquetipo do sistema educativo, foi o primeiro da súa promoción. E despois de toda unha vida adicada ao estudio, sacando notas (silencio, escoitamos o informativo)… É un tipo que ten unha traxectoria impecable, leva dez anos preparándose para presidente mediano e o día que gaña sae cun papel lendo. Non é nada, un tipo 50 e pico anos, e sae cun papel lendo.

Non é como non ter sentimentos, que sentido ten calquera cousa? Eu xa sei que moitas veces é unha chorrada, a min iso paréceme unha tristeza, é triste. Ademais non é que sexa Rajoy, é todo unha farsa, dá igual que estea Rajoy, Rubalcaba ou Almunia.

– Vas sacar disco pronto, aínda que non me queiras contar nada e se che inchen as narices (se lle inchaban) en plan non me preguntes por iso….

– Non se me incha nada… Estouno acabando. (no momento da conversa). A temática? Non é que sexa secreto. Aínda que sempre se colle pola política, as miñas cancións, a maioría delas, son de amor.

Adicácheslle un “temazo” á amizade, a Feijóo… vaslle dedicar un a Rajoy?

(SILENCIO) Rajoy… O nivel medio dos políticos en España (e sempre poño por diante que canto fatal, non é que estea falando “yo soy lo mejor”), a media da política de España está baixo terra. E Rajoy, Rajoy está nunha falla oceánica. Rajoy é tan mediocre… Quizais en persoa sexa moi divertido, non o sei, pode ser un gran tipo, non digo que non, pero como político non hai nada que che estimule. É tan… por exemplo con Aznar tíñalo claro, os políticos de antes eran mellores. Anguita. O nivel está tan baixo que cando Sócrates di o de que a débeda non se acaba se non se manexa, iso que é unha parvada, o nivel é tan baixo que iso chama a atención.

Rubalcaba é un gran orador? Quen vira o debate… Vinte anos no Parlamento, afeito a falar, e o único que fai é facer dun periodista. Non deu un titular. Eu non sei como fan os periodistas, pero non dan un titular.

– E ti tampouco.

– Pero igual non cho dou porque non quero. Eles non é que non queiran, non poden. Nun cara a cara, cando están os dous. Ti non es un rival, se ti foses unha música e tivesemos que gañarnos un público… Pero eu aquí non teño necesidade ningunha.

– Que queres ser de maior?

– Que quero ser? É que se che digo feliz é ridículo. Algo.

– Non es nada agora?

– Algo en oposición a nada. Sempre que faga algo, está ben. Eu con tal de estar facendo algo sempre, guai, que hai máis ca iso? Nada.

– Igual queres marchar?

– Eu teño máis familia en Brasil que aquí. Non sei se permanentemente, vivir en Brasil, pero se non non vexo por que non vou estar aquí. Non sei como vou estar dentro de dous meses ou tres.

– Musicalmente?

– A NÚMERO 1 de los 40 Principales? (Risas)

– Igual tocar no palco da música de Toén?

– Ah, non, a min tocar… Eu non sei se dentro de 20 anos vou estar facendo cancións, pero a min o que me interesa é estar, o único que me irrita da vida, ademais da fame en África e todo iso, o que me irrita da vida é que non hai tempo, non se pode facer todo.

– Iso é que queres facer? Algo que aínda non fixeches, como…?

– Claro, pero sempre, novas cancións, outras cousas, pero para min o rollo é poder facer o máis que se pode, non nada máis, quero chegar a tocar en non sei onde. Facer, facer o que sexa. Para min todo está ben (bueno, ben, e mal tamén). Na música, que as miñas cancións me gusten a min, que lles gusten… Obviamente non lle van gustar a todo o mundo, que estean por aí.

– Só ou en grupo?

– O sexo sempre ten que ser en número impar. En grupo vale, pero impar. Sempre hai un que queda con ganas, claro, claro… tres, ou cinco…

– Emilio José vai quedar só, ou vai buscar un trío (musical)

– Como? Eu? Número primo, indivisible. Agora fago eu as cancións. Non son futurólogo.

– Igual che gusta, estás falando con alguén, ….

– Que sabes?

– Nada.

Fotos | Tamara De La Fuente

*Emilio José tamén encheu a nosa disqueficha.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *