Albariños gourmet a tan só un click de distancia

Antes a morriña servía de inspiración para sentidos poemas. Agora a morriña tamén é o punto de saída para novas iniciativas empresariais, como o selecto club de venta online Miudo. A inspiración para Miudo chegoulles aos seus fundadores, os curmáns Anxo López e Iván González, porque “botabamos de menos os produtos da terra e é moi difícil atopalos aquí”. Aquí é Madrid, a cidade á que os levou a súa carreira profesional nun primeiro momento e onde se acaba de presentar ao mercado o portal este fin de semana.

Miudo.es arranca cunha filosofía moi acorde co seu nome. “A idea é que sexa un club de amigos”, explícanos Iván González. Como todo club de venta online, funcionará exclusivamente para aqueles que estean rexistrados pero, a diferencia doutros portais semellantes, aquí as invitacións estarán moi limitadas. Partirán con 300 usuarios únicos, cifra case cuberta cos invitados da súa festa de presentación, aínda que “segundo vaia” irán aumentando a súa cifra de asociados e dando resposta a todos aqueles que soliciten a súa inclusión no club.

Unha vez dentro, o asociado atopará produtos gourmet made in Galicia. Miudo arranca cun catálogo composto por bebidas gourmet, algunhas moi difíciles de atopar e moi exclusivas e cun rango de prezos que permite a case todos os petos lanzarse á compra. Cinco Albariños, un deles envellecido, e tres licores (o tan desexado polos emigrados licor café, licor de herbas e a sempre tradicional augardente) son os primeiros produtos á venda, aínda que a oferta podería crecer no futuro. Os seus fundadores explícannos que queren “aumentar a cantidade de produtos” e introducir un catálogo gourmet moito máis amplo. Na presentación de Miudo, polo de pronto, non só deixaron probar un dos seus Albariños senón que tamén botaron man do queixo da Bama, das clásicas patacas fritidas de Bonilla a la Vista nos botes de tamaño industrial que tanto impresionan nas tendas do aeroporto, do marmelo e das noces, entre as que se incluía “un bote da casa da miña avoa”, como nos confesa un dos fundadores.

Miudo gourmet viño

Todos os produtos serán galegos, xa que a orixe galega é o principal trazo de identidade do seu catálogo de produtos e o principal argumento co que queren convencer aos compradores. “Ata as caixas están feitas en Galicia”, dinnos, engadindo que “nós non imos vender Rioja nunca. Esa é a idea”. Ademais de galegos, todo o que vendan será escollido con moito coidado. Os viños e licores desta primeira venta foron “escollidos persoalmente” por Iván e Anxo, os fundadores, que se percorreron as adegas do Salnés na procura de xoias secretas. Sendo de Vigo e Pontevedra e veraneantes na zona, coñecían xa bastante ben as adegas locais.”Xa sabiamos o que queriamos traer”, explica Iván González. “A parte difícil non foi a de escoller o produto”.

Entre os seus Albariños hai algunha xoia descoñecida, como un que ten unha produción de só 10.000 botellas ao ano e que ata agora só se distribuía na hostalería da zona. Ou outro para o que só se empregan as mellores uvas da vendima, recollidas ademais a man.

Fotos | Disquecool

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *