Ahoy! Se hoxe non queredes ser considerados mariñeiros de auga doce, teredes que falar ata que se poña o sol como auténticos e temidos piratas dos sete mares. Porque hoxe será, durante todo o día, o Día Internacional para Falar como un Pirata.
A celebración empezou cuns amigos estadounidenses, aos que lles gustaba a xerga pirata e que decidiron recuperala. Fixaron, no xa lonxano 1995, o 19 de setembro como día internacional no que todo o mundo debería falar coma os piratas e empezaron a celebralo. Era unha celebración bastante privada (vamos, que non o festexaban máis que eles e pouca xente máis) ata que en 2002 un columnista bastante coñecido en Estados Unidos falou da xornada nun dos seus textos.
Alí comezou o boom do Día Internacional para Falar como un Pirata.Os principais medios de Estados Unidos, incluído o serio e moi business The Wall Street Journal, falaron da xornada ou da súa filosofía (é un día divertido no que recuperar a idea de paixón e aventuras piratas: “falar como un pirata é divertido, é tan sinxelo coma iso”, apuntan na súa páxina oficial) nos anos seguintes. No 2006, Skype ata chegou a ofrecer ós seus usuarios poñer o programa en inglés pirata durante a festiva xornada. E o día no que todo o mundo pode falar como un temido pirata entrou, polo menos nos países anglosaxóns, na lista de días frikis que por que non celebrar.
Se queredes que o Día Internacional para Falar como un Pirata chegue a este lado o océano, xa sabedes que hai que facer. Esquecede todas as historias que vos contaron de pequenos sobre o malo que era Francis Drake e o marabillosa que era María Pita e recordade sempre que falar en xerga mariña e pirateira é do máis divertido. Aarrr!
*Máis na páxina do día en inglés
Foto | Hryck