La piel que habito: obsesión e vinganza

Para poñervos en situación, confesarei que eu non son gran fan de Pedro Almodóvar. Tampouco gran detractora. ‘Átame’ pareceume case unha obra mestra, ‘Todo sobre mi madre’ ou ‘Hable con ella’ son películas máis que correctas e ‘Los abrazos rotos’ aburriume soberanamente. A hipérbole almodovariana e o seu gusto polo grotesco non van moito comigo.

Dito isto, podo asegurar que ‘La piel que habito’ presenta elementos moi interesantes. Como mínimo, cóntasenos unha historia que non está mallada, que Almódovar non percorreu unha e mil veces, e a pesares de que ten o seu moi evidente selo, consiste nunha proposta bastante innovadora.

O filme mergúllanos na historia dun cirurxián plástico (Antonio Banderas), e a súa relación coa súa única pacente e prisioneira (Elena Anaya). Ingresamos así no mundo da bioética e dos científicos que xogan a ser deuses. Pero sobre todo, no poder da obsesión e da vinganza, achegándonos unha reflexión esaxerada, pero moi verosímil,  sobre a paixón: destrutiva e enlouquecedora. Aínda que se busca o elemento sorpresa no desenvolvemento da acción, o certo é que todo se ve vir, non por predicible, senón porque ten unha lóxica interna moi forte.

Baseada na novela ‘Tarántula’, de Thierry Jonquet, publicítase a medio camiño entre o thriller e o terror, pero non hai moito diso. Hai sustos, si, música inquietante e unha posta en escena fría e tebrosa, pero finalmente o terrorífico atopámolo na alma dalgunhas personaxes. E ao mesmo tempo, é inevitable rir por veces do absurdo da situación, do grotesco. Ese distanciamento, xa clásico en Almódovar, pode funcionar ou pode ofender, eu aínda non o teño moi claro. O patético esconde unha verdade ou é so unha debilidade do guión, que non acaba de facer crible o máis dramático?

‘La piel que habito’ ten outros puntos fracos. A representación de Banderas pareceume moi mellorable. Unha contención hiperactuada que non acaba de convencer. Entendo que o seu papel esixía certa pericia (e supoño que é máis fácil ser un psicópata dos que se pasan o filme berrando), pero nótase en cada escena a súa incomodidade (por non falar dos momentos congreso científico onde case parece unha parodia da prepotencia). Elena Anaya gústame máis, nun papel tamén moi complexo onde ten que mostrar a capacidade de supervivencia (e de adaptación), do ser humano ante as situacións máis improbables.

E dúas dúbidas irresolubles: por que de todas as personaxes con orixe brasileiro, só unha e media teñen acento? por que as personaxes non paran de falar de “este pueblo” por aquí e por acolá e as imaxes que vemos son dunha rúa ben recoñecible de Santiago de Compostela?

Aínda así, eu recoméndovola. Os monstros sempre nos lembran que os levamos dentro. E niso, ‘La piel que habito’ funciona á perfección.

Foto | La piel que habito

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará