Un dos motivos habituais de discusión dos veciños dos edificios que teñen diante árbores (especialmente árbores cumpridiñas) é o de todo o mal que as malditas árbores (as súas palabras, non as miñas) lle están a facer ás súas vidas. Primeiro, as árbores tapan a vista. Segundo, enchen a casa de cousas (algo, non sei moi ben que, porque nunca o tiven claro). E terceiro, os do concello non dan vido a podar e as árbores medran e medran ata ser entidades selváticas. A conclusión que podes sacar de todo isto (despois de escoitar as queixas destes veciños) é que ter árbores diante da casa é un suplicio. Pero o certo é que eses veciños están do máis equivocados. Vivir preto das árbores é moi positivo. É bo para a saúde!!! (e todos deberíamos obrigar aos nosos respectivos alcaldes a poñernos máis).
A idea non está sacada nin de rollos zen nin de movementos deses que che obrigan a facer cousas como, por exemplo, darlle abrazos ás árbores. Non. A idea está sacada dun deses estudios científicos que tanto nos gustan aos xornalistas e que ben valen para facer artigos con titulares moi, pero que moi clicables (ou se es a tele facer pezas amables con xente opinando).
O estudio (asinado por unha morea de científicos e aquí resumido coas ideas máis notables, ás que nos molan aos xornalistas) centrouse na cidade de Toronto e analizou a saúde das persoas que vivían en vecindarios nos que hai moitas árbores. Obviamente, o estudio é un deses estudios que poden servir para moito á xente da cidade e aos plans de mellora urbana (eses plans que – gracias deus do plan urbanístico! – están a facer ás cidades máis vivibles). O rural xa ten árbores de serie e por tanto os que vivides no campo xa tedes a saúde asegurada.
Que é o que atoparon os investigadores? A conclusión principal é que a xente que vivía en barrios nos que había máis densidade de árbores tiñan unha mellor saúde en xeral e presentaban menos problemas cardiovasculares. Traducido en idades, vivir rodeado de árbores fai que sexamos (en idade figurada na saúde do noso corpo) 1,4 anos máis novos. A densidade de árbores requerida é de 11 por rúa.
O estudio ten certos puntos cuestionables. O primeiro é que as medicións de saúde mellor ou peor estaban baseadas en datos proporcionados polos propios elementos estudiados (e non nos seus historiais médicos que, como sabedes, están protexidos polas leis aquí e tamén en Canadá). O segundo punto (este é un punto que os estadounidenses, e Quatz – que é onde atopamos o estudio – é un medio dos EUA, destacan) é que os canadenses estudiados non só teñen árbores nos seus barrios senón tamén un estupendo sistema de saúde público que os coida (e iso tamén se nota).
Aínda así (e non deixemos que as posibles dúbidas sobre a fiabilidade do estudio nos impidan presionar ao alcalde que toque para ter máis árbores), este non é a primeira análise que fai unha conexión entre ter cidades máis agradables e ver como a saúde dos cidadáns mellora.
Un estudio mediu o impacto que tiña nas persoas que vivían en áreas urbanas ir de paseo por áreas naturais (parques, vaia) e atoparon que existía unha mellora na saúde mental. Os que paseaban vían como o seu cerebro lle daba menos voltas ás cousas (xa sabedes, o de pensar 20 veces – ou 100 – na mesma cousa negativa) e que por tanto isto facía que os que paseaban fosen máis fortes á hora de blindarse contra problemas como a depresión. E outro da Universidade de Exeter sinalaba que a xente que ten parques preto da casa está moito máis satisfeito coa súa vida que quen non os ten.
Foto unsplash