Os anuncios do Leste

Moitos dos consumidores de hoxe en día non teñen nin idea de como era a vida na época das dúas Europas, do pano do aceiro e da existencia do chamado bloque do Leste. E sen embargo, nos últimos anos, eses son os consumidores que están mercando libros e máis libros sobre a vida do outro lado. Nos países que pertencían a ese bloque estase a desenvolver unha certa nostalxia (o paso do tempo e a dureza do presente fan que se esquezan cousas tan importantes como a ausencia de liberdades). E nos países do outro lado – e especialmente para aqueles que nin sequera son quen de lembrar o día no que caeu o muro de Berlín – o que funciona é o da curiosidade. Como era a vida naquel mundo alleo e tan diferente?

Un dos últimos intentos por demostrar que acontecía nos outros é un libro de Taschen, Beyond the Wall: Art and artifacts from the GDR, de Justinian Jampol, que entra na lista deses libros de Taschen sumamente caros que che fan repensar todo o que sempre pensaches sobre esa editorial (este é dos de 99 euros). O libro parte dos contidos do museo Wende de Los Ángeles, en California (e si, tan lonxe do bloque do Leste hai un museo sobre eles), que segundo explican no dossier para medios de comunicación foi fundado a principios deste século para estudar a “cultura visual e material” do antigo bloque do Leste e analizar (dende varias perspectivas, prometen) o que separaba aos dous mundos.

E os contidos están sacados do mundo da Alemaña oriental e capturados en papel no libro (case mil páxinas de texto e moitas fotos) nos que se inclúen dende mobles de plástico ata os anuncios cos que intentaban chegar aos consumidores dunha sociedade que non era – ou non debía ser – de consumo.

(c) das imaxes: The Wende Museum/TASCHEN

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *