O anuncio online de 6 horas que si estarás disposto a ver

Internet está a facer que todo vaia máis rápido e, ademais (e viva a contradición), é tamén o lugar no que se está a cocer o futuro slow (ou o que serve de potenciador e dinamizador de todos os movementos que defenden tomarse a vida con calma). Hai dende quen ve a televisión slow (e segue durante horas o percorrido dun tren por Noruega), quen pasa do smartphone en beneficio dunha vida máis lenta e recupera o vello Nokia ou quen se impón ver un cadro durante un mínimo de tempo para poder sentilo e aprecialo. Hai camiño tamén para a publicidade slow?

Neste caso, o da lentitude é máis un elemento para chamar a atención e para ser sublimes que unha filosofía de vida. Pero non vos preocupedes pola falta de carga reflexiva: Este anuncio de 6 horas de duración merece a vosa atención de todos os xeitos. Detrás desta ousada idea está Virgin Americas, a compañía estadounidense, que creou un vídeo en tempo real – por chamarlle algo – dun voo dende Newark, Nova York, a San Francisco dunha competidora chamada BLAH. O mellor de todo é que o anuncio (que xa apareceu en todo canto medio americano vos podades imaxinar) vaise servir en pre-roll (eses vídeos tan molestos que aparecen cada vez que lle das a play nun vídeo en internet). Os de Virgin Americas esperan sinceramente que os consumidores lles dean a saltar anuncio en canto sexa posible.

O vídeo é unha das cousas máis aburridas da rede. Ou se cadra unha das máis fascinantes (como din en Mashable, parece unha obra saída da cabeza dun autor surrealista). Os personaxes son bonecos, que sofren (en silencio) os problemas de todo voo. Viaxeiros pesados que falan e falan, mensaxes da tripulación, vending, nenos repelentes que fan que as horas se fagan eternas… Por haber ata hai unha revista desas que os avións meten nos petos dos asentos e que teñen todas esas reportaxes lixeiramente aburridas sobre calquera cousa que se lle ocorreu ao pobre diaño que fixo o deseño desa revista corporativa.

E BLAH Airlines tamén ten cacahuetes, que deben ser o único que lles queda da época dourada da aviación.

Detrás deste vídeo están os dunha axencia estadounidense (Eleven) que foron que romperon os miolos pensando con que encher 6 horas nas que non pasa nada. “Non foi nunca realmente raro”, explícalle un dos creativos a AdWeek cando lles preguntan si no é un pouco estraño dedicar o tempo de traballo a pensar nas cousas que poden acontecer non voo no que non pasa nada, “pero tamén era un reto ver se eramos quen de facelo tamén divertido”. E sinala: “era una mestura entre ser realmente raro e cómico, durante moito tempo. É o tipo de cousa da que queres fuxir, pero acabas arrastrado estrañamente dentro do aburrimento”. E ver a xente estao vendo, porque internet está chea de mencións dos momentos máis sublimes da historia. O vídeo xa supera o medio millón de reproducións en YouTube (claro que YouTube conta no momento no que lle das a play).

BLAH Airlines ten tamén unha web corporativa (na que emitiron un comunicado sobre o vídeo) e perfís sociais nos que son tan encantadoramente aburridos como no seu infinito vídeo.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *