Son estes os mellores anuncios sobre ‘eses días’?

hello flo

Hai varias razóns polas que os anuncios de tampóns e de compresas son como son. Unha conspiración mundial para enganar aos homes (e esta teoría está respaldada pola CEO dunha empresa fabricante). Unha idea xeral de que as mulleres son idiotas por parte dos publicistas (podedes ler este post e vós tamén o pensaredes). Que eses anuncios os fan monos con platillos e que se cadra por iso son todos iguais. Ou, quen sabe!, ao mellor os anuncios de compresas e tampóns só os fan persoas moi felices (ou xente que interiorizou moi ben a idea de soportar con resignación as cousas malas que ensinaban no catecismo e por iso converten a dor e o malestar en campos de flores e nubes). Quen sabe? As únicas normas son as de non usar o cor vermello (anatema) e o de, por suposto, incluír ledicia, actividade, felicidade e flores. Aínda que a menstruación non mola. Pensade que en inglés chámanlle the curse (a maldición!!).

Vale, pois todo iso está a cambiar. Ou polo menos hai unha pequena startup que está a facer algo completamente diferente. Dádelle as grazas a esta muller, Naama Bloom. Naama (chamémoslle simplemente Naama porque merece que a metamos na lista das amizades) é a CEO de Hello Flo, unha tenda online especializada no que nos supermercados chaman pomposamente produtos de hixiene feminina. Flo, por certo, é un nome cursi para a regra en inglés. O primeiro dos seus anuncios foi un auténtico viral, que fixo que a empresa tivera repercusión mundial. A súa protagonista era a (clásica) nena que o sabe todo o sobre a regra e a quen o poder se lle acaba indo das mans.

O anuncio non só rompía con toda a clásica historia asociada aos anuncios destes produtos. Por haber hai ata unha demostración práctica da realidade con Dora A Exploradora. E usaban a palabra vaxina!!! (que, por certo, é outro tabú do mundo dos anuncios de compresas e tampóns). Pero o mellor de toda a historia é que o anuncio foi un pouco de guerrilla. Os responsables foron dous publicistas de BBDO, pero que estaban a facelo fóra da empresa e no seu tempo libre, Pete Marquis and Jamie McCelland. A idea era da (gran) Naama. E fixérono con catro duros.

Hello Flo demostrou que non hai que poñer os mesmos clichés odiados e odiables para vender compresas. E que as compradoras prefiren mensaxes que non poñan en dúbida a súa intelixencia. Por deus! Non queriades mercarlles para toda a vosa vida unha vez que vedes o anuncio? Se dan ata caramelos!

Un ano despois, Hello Flo volveu conseguilo. Volveron facer un anuncio grandioso, que leva a facer unha pregunta. Son os mellores anunciantes do mundo mundial sobre ‘eses días’ e sobre ‘o regalo de ser muller’ (podedes intercambialo por calquera frase feita que prefirades)?

Agora Hello Flo teñen máis cartos e máis éxito (o anuncio do ano pasado axudoulles a pechar acordos con marcas do sector) pero seguen tendo o mesmo sentido do humor. Neste caso a prota é a única nena do seu grupo á que aínda non lle chegou a regra. Así que decide tomar unha dramática decisión sobre o asunto. E a súa nai decide tomar unha aínda máis dramática decisión en consecuencia.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *