Edith Wharton en Galicia

Edith_WhartonEdith Wharton é unha das escritoras máis populares da novela estadounidense contemporánea. Posiblemente cando pensamos nela todos temos en mente esas novelas (logo adaptadas ao cine) de socialites do pasado que tiñan problemas amorosos. ‘A idade da inocencia’ et alius. Pero Wharton foi tamén unha muller cunha vida intensa, que deixou ao seu marido para vivir en Europa (e facelo do que gañaba como escritora). E unha entusiasta viaxeira, que publicou libros de viaxes que no seu momento foron tan populares como algunha das súas obras.

E nesas viaxes foi cando a insigne escritora chegou a Galicia. Foi despois da I Guerra Mundial e Edith Wharton baixou dende París, onde vivía, decidida a facer unha versión menos piadosa co Camiño de Santiago. Fíxoo unha vez en 1925 e volveuno a facer en 1928. Como con todas as súas viaxes, Wharton pensou en facer un libro desta escapada ata Compostela (escapada que non ten nada que ver coas fins de semana en Ryanair) pero nunca chegou a culminar o proxecto, posiblemente porque o mercado do libro tiña cambiado e os libros de viaxes como os das décadas precedentes xa non espertaban tanto interese. Pero aínda así quedaron as testemuñas escritas da estancia da escritora en Galicia: un diario da primeira viaxe e unhas notas para un libro sobre a segunda. Todo isto o explican en ‘Back to Compostela’, a publicación trilingüe que a Universidade de Santiago fixo destes textos, nunha edición de Patricia Fra López.

As notas, escasas, permiten sen embargo perfilar un pouco como eran as cidades galegas no momento e as impresións que lle causa a paisaxe. Sabemos que Astorga e Castela non lle gustan e que Ourense lle parece unha cidade moi animada, que os coruñeses xardíns de San Carlos están moi ben coidados ou que a comida do hotel Francia (Coruña tamén) é moi boa, pero que as habitacións están cheas de mofo. Corcubión é unha vila “encantadora” e Santiago ten rúas empinadas, con “altísimos pazos”, e as impresións son “abafadoras”. Por certo que en Santiago durme no hotel Suizo “ordinario, pero non está mal” onde a comida é “bastante boa”.

Santiago é, segundo Wharton, un sitio “único”, de beleza que satisfai o que soñou o corazón, Galicia ten unha “paisaxe inigualable, a non ser pola de Grecia” chea de “cores translúcidos”.

Foto | Wikipedia

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *