O Nadal Hipster é o 21 de decembro (o 25 é moi mainstream)

hipstersanta

Sabémolo, sempre que se achegan estas datas, sempre que aparece decembro, iníciase unha pequena loita no teu interior. Cal é a actitude correcta dun hipster coma ti ao respecto? Debe gustarte o Nadal por todos os seus elementos kitsch? Debes odiala por ser unha actividade terriblemente mainstream? Valoras pros e contras e non sabes que facer. De verdade tes que renunciar ao Nadal e converterte nunha desas persoas que en decembro se deprimen e falan do consumismo? É compatible o Nadal con ser hipster se non caíches nas redes católicas que intentan captarte? Non te preocupes, temos a solución: o Nadal Hipster. É o 21 de decembro porque, xa sabes, o 25 é moi mainstream.

Isto non estamos a inventalo nós (xa nos gustaría), existe de verdade desde o ano pasado: o Hipster Christmas celébrase o sábado anterior á Noiteboa oficial e ten unha web na que ofrecen consellos, ideas de agasallos, snacks ou xogos e, por suposto, animan a facer festas esa noite. Como celebrar o Nadal Hipster? Como explican na web, “música de Nadal tocada por escuras bandas suecas encherá o teu loft a través de estraños discos de vinilo”, ofrecendo só pratos veganos e posando para as túas fotos de Instagram co teu xerséi máis feo.

Engaden tamén a súa guía de “20 consellos para un Nadal Hipster de éxito”, entre os que se inclúen que todos os invitados cheguen en bicis fixies, que os xerséis de Nadal son tan mainstream que son irónicos (así que hai que levalos), ter un debate sobre fontes tipográficas, hackear o Macbook Pro e instalarlle Windows 95 ou falar, como non, do moito que odiades aos hipsters.

Hai ata premio para a xente que faga unha festa de Nadal Hipster o 21 de decembro! Sortean tres cámaras Lomo (claro) entre a xente que tuitee utilizando o hashtag #hipsterxmas, aínda que só en Estados Unidos. Aquí teremos que conformarnos con facer a festa, subir moitas fotos a Instagram, levar bigotes falsos e monóculos (un dos consellos), facer unha árbore de Nadal alternativa e, suxerencia propia que eles non poden facer, facer que a festa dure ata a mañá seguinte e ver todos xuntos a lotería. Imaxina que vos toca, que espectáculo daríades cando chegase TVE á vosa casa para a entrevista.

E lembra que Papá Noel é o teu modelo de hipster total: traballa só un día e pasa o resto do ano xulgándote.

Que vos parece? Celebramos o Nadal Hipster? Contádeo en Twitter co noso propio hashtag #nadalhipster!

Nadal Hipster

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *