Todo o que comeza ten que rematar e, Cineuropa, non se ía librar desta lei universal. Esta fin de semana, última do festival, as salas encheranse dese sentimento de saudade previa á fin. Esa consciencia de saber que nuns días todo se rematará e quedará só como un recordo na memoria… ata o vindeiro ano. Así que, para non deixarnos empapar polo fatalismo, repasemos algunhas das películas que poderemos ver esta última fin de semana de cine.
Like Father, Like Son (2013, Hirozaku Koreeda)
Ryoata é un arquitecto exitoso e que leva unha vida na que os cartos non lle faltan. Todo cambiará cando os empregados do hospital lle comuniquen que o seu fillo nacido hai seis anos foi cambiado por outro. Esta difícil situación de escoller entre o fillo criado ou o biolóxico é o piar da historia que nos achega Hirozaku Koreeda. Premiada en Cannes e San Sebastián, a película chega esta fin de semana a Santiago con moi boas críticas atrás.
Domingo 24 ás 18:00 no Teatro Principal.
La grande bellezza (2013, Paolo Sorrentino)
Último filme de Paolo Sorrentino no que analiza as vaidades e egos que rodean á humanidade. Centrándose na figura de Jep Gamdarbella, o director analiza a sordidez e hipocresía agochada tras esas festas nocturnas nas que todo o mundo quere estar. Unha labazada directa á conciencia dunha sociedade obsesionada pola apariencia. Nomeada á Palma de Ouro en Cannes.
Venres 22 ás 20:00 no Teatro Principal.
Les Salauds (2013, Claire Denis)
Despois do suicidio do seu cuñado, Marco volta a París, onde a súa irmá ten localizo ao culpable da traxedia. Os segredos que se agochan tras os protagonistas cambiará as súas relacións para sempre. Cine negro con estética punk por parte dunha cineasta consagrada como é Claire Denis.
Venres 22 ás 00:15 no Teatro Principal e sábado 23 ás 23:00 no Salón Teatro.
L’inconnu du lac (2013, Alan Guiraudie)
Arredor dun lago, varios homes se reúnen para broncearse, bañarse e, se é posible, namorarse. Franck ten esa sorte e namórase de Michel, un perigoso e misterioso home. A pesar de saber que Michel agocha algo, el entrégase e cégase pola paixón da relación. Alan Guiraudie chega, acompañada polos éxitos e a boa acollida desta película, esta fin de semana a Cineuropa.
Venres 22 ás 22:30 e sábado 23 ás 23:45 no Teatro Principal. Domingo 24 ás 20:00 no Salón Teatro.