Primeiro foron as guerras de prezos e os hoteis intentaban ser os máis baratos. Logo chegou a idea de ofrecer algo luxoso pero non a prezos moi elevados (e velaí van os hoteis Room Mate, que se autodenominan un “bread and breakfast de deseño”) e agora a loita está en ofrecer a maior comodidade posible. Por iso agora os hoteis teñen bar de almofadas e nalgúns hoteis guiris confían tanto na calidade das súas camas que na mesa de noite deixan un panfleto explicando como podes facerte con elas. Así que para vender a marca, que mellor que botar man da calidade das camas e duns embaixadores de marca inocentes? Iso é o que acaba de facer a cadea de hoteis europea Ibis, nun anuncio que ten, se o pensades ben, un certo punto inquietante.
Ibis acaba de renovar as súas camas en toda a gama de prezos dos hoteis da cadea (unha campaña co orixinal nome de Sweet Bed) e para dalo a coñecer – e demostrar o ben que o fixeron – non se lles ocorreu mellor idea que poñer a unha chea de coellos a probar as novas camas. A campaña publicitaria, de BETC London, puxo a 40 coelliños (do tipo encantador, non do tipo despois o botamos á pota e facemos un estofado) a correr libremente polo cuarto. E, segundo defende a marca (e recolle DocNews), os coelliños acabaron dirixíndose á cama de forma non obrigada para durmir todos xuntos o soño dos xustos na cama marabillosa do hotel. O vídeo é o froito de dous días de traballo e de 571 cenorias.