Hackeando Photoshop por unha boa causa

Dove leva anos facendo da beleza real o elemento claro da identidade da súa marca. Que é a beleza real? Pois segundo Dove é ser tal como cada un de nós somos e sentirse ben con iso. Pode parecerche un golpe brillante de marketing ou unha idea estupenda que fai dos anuncios algo máis que vender cosmética e tamén transmite unha mensaxe positiva. No seu último movemento, a filial en Canadá de Dove fixo algo máis (e realmente moito máis impactante que os anuncios de televisión: eu pagaría por ver a reacción das súas vítimas) e atacou aos principais culpables de que a beleza real non estea valorada. Dove Canadá foi a polos malvados do Photoshop.

A compañía usou técnicas dignas dos mellores cibercriminais. Crearon un efecto para Photoshop que prometía aplicar brillo á pel dos protagonistas das imaxes. Con técnicas de enxeñería social (esa que fai que os troianos e todo o malware apareza onde os seus usuarios son máis vulnerables: por exemplo, links en redes sociais que prometen cousas que logo non son), puxeron o efecto para descarga alí onde os seus potenciais usuarios acostuman a atopar e buscar cousas, como Reddit. Cando o aplicaban nalgunha foto tuneada en Photoshop, no canto de aplicar un efecto, volvían ao punto de partida. Unha mensaxe facíalles pensar no que estaban a facer.

O vídeo no que explican o que fixeron e como leva xa 755.260 visionados en 10 días, aínda que a campaña ten moitas características para se converter en viral e alcanzar moitas máis visitas. A campaña é de Ogilvy Toronto e polo momento non se sabe cantos retocadores do Photoshop caeron nas súas redes.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *